A CIG insta a Xunta a actuar ante a perda constante de emprego no sector marisqueiro da Ría de Ferrol

Este mes a Confraría de Barallobre despedirá a 5 dos 7 traballadores
Ferrol - 01 Mar 2019

A FGAMT-CIG alerta da constante perda de postos de traballo que tradicionalmente viña xerando o sector marisqueiro e pesqueiro da Ría de Ferrol. A falta de produto marisqueiro, ao que a Xunta non dá posto remedio, está a provocar que moitos mariscadores e mariscadoras das confrarías da Ría estean buscando o seu sustento noutras actividades ou se atopen nunha situación económica insostíbel ao non cubrirlles ir faenar.

Así mesmo, e como consecuencia disto, as confrarías están vendo como as súas facturacións decrecen e se atopan nun punto crítico, "que finalmente provoca unha situación límite a respecto do persoal que traballa para estas entidades".

O caso "máis desastroso" até o momento, explica o secretario confederal de Emprego, Francisco Cartelle, é o da Confraría de Barallobre, onde a mediados do mes de marzo se efectivizará o despedimento de 5 dos 7 traballadores, así como a pretensión de rebaixar os salarios aos outros dous.

Os traballadores/as asumen as consecuencias

Pero a situación da Confraría de Barallobre non é excepcional e outras confrarías da comarca poden transitar ese mesmo camiño, advirte Cartelle. "Ao final os traballadores/as das confrarías son os primeiros en pagar os erros duns e a desidia doutros, mais o futuro de todo o sector e o dos socios e socias está condenado se non se adoptan medidas urxentes".

Porén, a Xunta de Galiza, "como adoita ser habitual", non ten adoptado ningún tipo de medida que axude a paliar e mesmo reverter esta situación, "comezando por un máis que necesario plan de recuperación da Ría de Ferrol que faga deste espazo esa 'gran empresa' xeradora de recursos e emprego que vén sendo historicamente".

400 familias viven da ría

Non cómpre esquecer que a día de hoxe hai sobre 400 familias que viven directamente da ría como socias das confrarías. "Sen dúbida se estiveramos a falar dunha empresa ao uso, con ese número de traballadores/as e nesa situación de precariedade, habería unha maior repercusión social da situación tan delicada que está a atravesar a Ría de Ferrol e do incerto futuro da actividade extractiva".

A CIG reivindica que a Xunta abandone esa posición de indiferenza "e mesmo semella que de ledicia", sobre como o sector se afunde "en vez de exercer a súa obriga de buscar unha solución de futuro para a Ría de Ferrol, sustento de moitas persoas na nosa comarca".