A CIG insta a Xunta a avanzar solucións para Poligal ante a reanudación das negociacións do ERE

A central demanda que se amplíe o período de consultas para facilitar unha alternativa de continuidade

Ferrol -

A CIG-Industria de Ferrol fai un chamamento á Xunta de Galiza para que intensifique o traballo da mesa técnica creada no IGAPE de maneira que as propostas dos inversores que amosaron o seu interese pola planta de Poligal se concreten en alternativas reais de futuro para o emprego e a actividade produtiva. A central fai este chamado ante a decisión do xulgado do mercantil de Barcelona de retomar o período de consultas do ERE no punto que foi suspendido.

Cómpre lembrar que as negociacións foron paralizadas a raíz da solicitude da CIG de que se incorporara na mesa unha representación de cada unha das plantas de Poligal, ao entender que se trata dun grupo laboral. Porén, explica Alberte Amado, da CIG-Industria, na súa providencia, o xuíz dá por boa a maneira na que xa teñen presenza as demais fábricas, mais sen entrar a dirimir se se trata dun grupo de empresas.

Amado xa adiantou que a central sindical estuda a posibilidade de presentar recurso contra a decisión do xuíz.

Aínda que non hai data formal para retomar as negociacións, dende a central sindical demándase do administración concursal que non limite o período de consultas aos 30 días establecidos na lexislación (dos cales apenas restan oito días) "porque necesitamos tempo para buscar unha alternativa de continuidade para a fábrica de Narón".

Impedir a deslocalización e o peche

Neste senso, Amado instou a Xunta a dar un impulso ao traballo da mesa técnica para que os proxectos formulados "se convertan en alternativas viábeis. Até o momento só tivemos xuntanzas e máis xuntanzas, pero precisamos solucións con urxencia, porque están en xogo máis de cen empregos directos. Esta comarca non se pode permitir o desmantelamento doutra industria máis, sobre todo cando ao Grupo Peralada, que recibiu numerosas axudas públicas, se lle permitiu descapitalizar Poligal Narón para xustificar o peche e levar a produción fóra".

De igual xeito, o sindicalista reiterou as críticas á pasividade do Ministerio de Industria neste conflito, xa que dende a reunión que a representación do persoal mantivo co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, o pasado mes de marzo, non volveu pórse en contacto co persoal para informar se está a realizar ou non as xestións ás que se comprometera, entre elas, buscar alternativas ao peche.

Volver