A CIG insta o Concello de Culleredo a crear unha lista de substitución permanente para cubrir as baixas no conservatorio

A falta de cobertura está a derivar nunha redución de contidos obrigados do currículo

Culleredo -

A sección sindical da CIG no Concello de Culleredo vén de denunciar publicamente a grave situación que se está a producir na formación do alumnado do Conservatorio Municipal de Música pola falta de cobertura do persoal docente que cae de baixa laboral.

En maio do 2015, o Concello creou unha lista de substitución para o conservatorio dotándoa dun período de vixencia dun ano, polo que ficou caducada en maio do 2016, tal e como acaba de determinar unha recente sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo Número 1 da Coruña.

Porén, aclara a sección sindical, o  problema  non  reside  exclusivamente  en  ter  unha  lista  de  substitución caducada,  "xa  que  antes  de  ser  declarada  como  tal  polo  xulgado, o Concello nunca actuou coa dilixencia debida para proceder á cobertura destas baixas, chegando a realizar un contrato por un día para cubrir unha baixa de 60 días".

Alertan que neste intre a situación estase tornando especialmente grave polo número de baixas; polo que dende a representación da CIG xa solicitaron ao goberno local "que proceda a realizar unha avaliación dos riscos psicosociais para tratar de determinar as causas e a imposibilidade de tirar da lista de substitución anulada pola sentenza".

Xunto a isto, advirten que a falta de profesorado está sendo acometida pola dirección do centro coa redución de contidos obrigados do currículo, "o que inflúe na calidade da formación que os alumnos e as alumnas reciben".

Por todo iso, a sección sindical da CIG insta o Concello "a crear unha lista de substitución de carácter permanente, que se complemente con novas inclusións periódicas, tipo Xunta de Galiza, que se cubra calquera baixa de duración superior a sete días e se convoque a Mesa Xeral de Negociación co obxecto de negociar as normas de xestión desta lista", conclúen.

Volver