Instan o conselleiro de Facenda a non empregar os servizos públicos "para chantaxes políticas"

A CIG-Autonómica esixe que se garanta o pago de soldos e incrementos ao persoal da Xunta
Nacional - 14 Ago 2019

Ante as declaracións do conselleiro de Facenda nas que alertaba de supostas dificultades para afrontar o pago dos salarios persoal da administración xeral da Xunta derivadas da débeda estatal con Galiza, dende o sector de Autonómica da CIG-Administración ínstano a non empregar os servizos públicos nin ao seu persoal “para chantaxes políticas”, ao tempo que esixen que se garanta o pago de todos os soldos e incrementos salariais.

Diante disto, remitiron un escrito reclamando información tanto da Consellería como da Dirección Xeral da Función Pública “para ver que hai de certo nesas informacións, xa que a día de hoxe non temos ningunha comunicación a pesar de que tivemos Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as e Comisión de Persoal os días 1 e 2 de agosto”. 

A central remitiu un escrito pedindo información para ver que hai de certo nas palabras do responsábel autonómico

Ao mesmo tempo, denuncian a “chantaxe velada” que supón, por parte do conselleiro de Facenda e do Vicepresidente da Xunta, un ataque de forma directa aos salarios do persoal empregado público para presionar politicamente na formación de goberno no Estado español.

No escrito lembran que o pago dos soldos e dos incrementos salariais son unha das obrigas prioritarias na xestión dos recursos da Administración, xa que son fundamentais para o mantemento dos servizos públicos. “Esixímoslle tamén a aclaración urxente das declaracións do conselleiro de Facenda, e que garanta que se lle van aboar, sen ningún tipo de dúbida, a totalidade dos salarios e os incrementos retributivos para este ano”.

Suba salarial e carreira profesional

Finalmente, amosan a súa preocupación polo feito de que o acordo de suba salarial e de carreira profesional que pactaron CCOO e UGT coa Xunta quede pendente do cumprimento do obxectivo de déficit da comunidade, “obxectivo que non se cumpriría se existe atraso no pago a provedores, tal e como afirma o conselleiro de Facenda”.

Esa foi precisamente unha das razóns polas que a CIG non asinou o chamado Acordo de Concertación, “xa que o salario dos empregados/as públicos/as non pode entrar no xogo político ou depender dunha mala xestión do pago a provedores como é o caso”.