A CIG insta o Goberno español a ratificar o Protocolo de Reclamacións Colectivas e a Carta Social Europea revisada

O atraso na sinatura evidencia un déficit democrático e de redución de garantías dos dereitos sociais

Nacional -

A mediados de novembro, o Consello de Ministras e Ministros remitía por fin ás Cortes o Acordo autorizando a ratificación da Carta Social Europea na versión revisada de 1996, a tramitar pola vía de urxencia. Porén, nesa declaración non se incluíu o asinamento e subscrición do Protocolo Adicional de Reclamacións Colectivas de 1995, cando é un dos instrumentos esenciais para a salvagarda dos dereitos recollidos na ‘Constitución Social Europea’.

A CIG teme que separar ambos os procesos sexa un subterfuxio para que, finalmente, o Estado español continúe sen asumir a declaración específica de sometemento á supervisión do Comité Europeo de Dereitos Sociais. Para evitar esta nova demora, e a instancias da CIG, o BNG presentou unha pregunta no Congreso e unha Proposición non de Lei para que o Goberno español remita unha nova declaración para a ratificación da CSE revisada e mais do Protocolo de Reclamacións Colectivas. 

O Gobernosegue sen someterse á supervisión do Comité Europeo de Dereitos Sociais

Que o Goberno español leve moitos anos de atraso con respecto a outros Estados como Portugal ou Francia, que xa teñen subscrito este Protocolo, evidencia un claro déficit democrático e de redución de garantías dos dereitos sociais.

Porque a non aceptación deste mecanismo impide que organizacións sindicais –como a CIG– poidan recorrer diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) as disposicións estatais, tanto normativas como da práctica, que non respecten os dereitos sociais.

Volver