A CIG intensifica as protestas contra o ERE do Santander, que afecta a 370 empregos en Galiza

Hoxe desenvolveu concentracións en Vigo e Santiago, e o sábado terán lugar na Coruña e Vigo
Vigo/Santiago - 09 Dec 2020

A CIG-Banca está a intensificar o calendario de protestas para rexeitar os despedimentos e os peches de oficinas que o Banco Santander quere executar co novo ERE. Hoxe desenvolveu concentracións en Vigo e Santiago, mentres que para este sábado día 12 ten convocadas novas mobilizacións na Coruña e Vigo.

As protestas teñen lugar mentres a entidade está a negociar o ERE co que pretende desfacerse de 5090 persoas en todo o Estado, 370 delas en Galiza: 172 na Coruña, 101 en Pontevedra, 52 en Lugo e 45 en Ourense.

Mais a sección sindical da CIG na entidade xa anunciou a súa intención de seguir a mobilizarse unha vez que comecen a executarse os despedimentos, ao tempo que reitera que a única vía de negociación teñen que ser as prexubilacións, cun acordo que garanta unha saída digna do colectivo afectado e que poida chegar á xubilación con ingresos suficientes.

Nas concentracións de hoxe participaron algúns traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG no Banco Santander, pero a maior parte do cadro de persoal non pode asistir ao coincidir en horario laboral. Para atender as demandas dos empregados/as que queren manifestar tamén o seu total rexeitamento ao ERE, a central apostou por convocar as seguintes protestas durante a fin de semana.

Deste xeito, este sábado día 12 haberá concentracións na Coruña (diante da oficina principal, no Cantón Grande) e Vigo (diante da oficina principal, no cruce de Colón) a partir das 12:00 horas. A central convidou a todas as organizacións sindicais con representación nos comités de empresa do Banco Santander en Galiza a participar nas mobilizacións, sendo CGT a única central que confirmou a súa presenza.

Por outra banda, unha representación da CIG manterá este xoves en Santiago a partir das 17:00 horas unha xuntanza coa responsábel de economía do grupo parlamentario do BNG, Noa Presas, e co deputado no Congreso dos Deputados/as español, Néstor Rego, para abordar as consecuencias para Galiza, tanto a nivel laboral como social, do proceso presentado polo Banco Santander que afonda drasticamente na reestruturación do sistema financeiro que se vén padecendo nestes últimos anos.

Dende a CIG-Banca lembran que nos últimos cinco anos o Banco Santander destruíu máis de 5000 postos de traballo en todo o Estado. Agora quere aplicar outro expediente extintivo para reducir o cadro de persoal en 5090 persoas, das que 1200 serían recolocadas en empresas do grupo, externalizando así traballos bancarios que até o de agora se facían nas oficinas.

A entidade argumenta esta decisión na baixada da atención presencial que demanda a clientela. Unha baixada ficticia, denuncian dende a sección sindical, xa que dende hai dous anos o banco está aplicando unha agresiva campaña para botar clientes/as das oficinas e obrigalos/as a relacionarse coa entidade a través do caixeiro, a banca online ou por vía telefónica. “E iso, sen importarlle nin a idade, nin os coñecementos nin os recursos que teñan estas persoas”.

Critican que o Santander pretenda utilizar esa dixitalización forzosa para xustificar este novo peche de oficinas e esta nova destrución de emprego. En Galiza este axuste implicará o peche de 79 oficinas máis: 32 na provincia da Coruña, 15 en Lugo, 9 en Ourense e 23 en Pontevedra. Afondando na exclusión financeira á que o proceso de reestruturación e concentración bancaria está levando a centos de galegos/as que viven nas zonas rurais.

Cómpre salientar que no ano 2017, cando a entidade que dirixe Ana Botín adquiriu por 1 euro o Banco Popular e o Banco Pastor, en Galiza había 415 oficinas e 2430 persoas traballando nas tres entidades. “Tres anos despois traballan no Santander 1777 persoas e están abertas 234 oficinas; case un 27% menos de persoal e un 43,60% de oficinas menos”.

Finalmente, sinalan que este novo ERE suporá tamén un incremento da carga de traballo para os empregados/as que queden no banco e unha redución da calidade no servizo que se presta. Ao que hai que sumar “unha asoballante presión comercial que deriva en prolongacións de xornada de forma habitual para tratar de conseguir uns obxectivos comerciais inalcanzábeis".