A CIG lamenta o falecemento de Braulio Amaro, secretario nacional da federación do Ensino entre 1997 e 2001

O sindicato destaca o seu incansábel compromiso na defensa da clase traballadora
Nacional - 29 Dec 2021

Este martes, 28 de decembro, falecía Braulio Amaro Caamaño, sindicalista e docente vinculado durante toda a súa vida ao sindicalismo nacionalista. 

O compañeiro Braulio, xunto cun nutrido grupo de profesorado procedente do SGTE (Sindicato Galego de Traballadores/as do Ensino), integrárase no ano 1990 na UTEG e pasou a formar parte da primeira executiva nacional da CIG-Ensino electa en 1994, logo do proceso de fusión da UTEG (Unión de Traballadores/as do Ensino de Galiza e o SGEI (Sindicato Galego do Ensino e a Investigación), no marco da reunificación que desde a INTG e a CXTG deu lugar á CIG.

Continuou na Executiva Federal da CIG-Ensino até 2005 e ocupou a máxima responsabilidade como secretario nacional entre 1997 e 2001.

Braulio foi un incansábel defensor da clase traballadora en xeral e do profesorado en particular, sempre desde unha perspectiva soberanista e de defensa a ultranza dos servizos públicos, nomeadamente o ensino.

A CIG traslada o profundo pesar á súa familia, ás persoas máis próximas, a todas aquelas compañeiras e compañeiros que partillaron con el, ben fose no sindicato, na docencia ou nos diferentes movementos sociais nos que se mantivo activo, o seu compromiso e a súa camaradería.

Que a terra che sexa leve, compañeiro!