A CIG lamenta que o cese de López Veiga á fronte da Autoridade Portuaria de Vigo non se producira antes

A FGAMT cualifica de “indecente” o nomeamento do ex conselleiro de Sanidade como novo presidente
Vigo - 19 Nov 2020

A Unión Comarcal da CIG de Vigo lamentou hoxe que o cese de Enrique López Veiga á fronte da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) non se tivese producido antes e lembran que xa no mes de abril reclamaron a súa dimisión tras a sentenza que desestimou o recurso presentado polo organismo estatal contra o plan de liquidación de Vulcano. Pola súa banda, dende a FGAMT cualifican de “indecente” o nomeamento do ex conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña como novo presidente e pregúntanse se o novo cargo é un “premio” pola súa “nefasta xestión” da sanidade pública galega.

O representante da CIG na APV esixira a dimisión de López Veiga durante a celebración do consello de administración do mes de abril, ao entender que a presentación do recurso que poñía en perigo a continuidade da actividade industrial nos terreos portuarios que ocupa Vulcano fora unha decisión persoal pola que tiña que asumir responsabilidades. “Non sabemos por que se demorou tanto o seu cese, pero o que está claro é que a Xunta avalou a súa xestión; unha xestión que estivo caracterizada polo enfrontamento continuo con todos os sectores do Porto”. 

A APV precisa unha persoa que coñeza o Porto, que sexa profesional e que teña capacidade de diálogo

Pola súa banda, dende a FGAMT-CIG amósanse moi críticos co nomeamento de Vázquez Almuíña, ao que cualifican como “enterrador” da sanidade pública galega e pregúntanse se Feijóo o premia con este novo cargo “por ser a persoa que deteriorou, desprezou e maltratou a sanidade converteuna nun negocio para as súas amizades”.

Con todo, recoñecen que a APV precisaba un cambio na dirección que rematase coa “postura intransixente” do anterior presidente en temas como a estiba, o estaleiro Vulcano ou a relación co persoal e cos usuarios e empresas do Porto.

“Pero o que necesita a APV é unha persoa que coñeza o Porto, que sexa profesional e que teña capacidade de diálogo para falar coas entidades (empresas, asociacións de usuarios, etc). Entidades ás que instan a posicionarse publicamente a respecto dun nomeamento que cualifican de “indecente”. Finalmente, censuran que Feijóo primeiro tardase tanto en cesar a López Veiga e logo optase por un ex conselleiro coñecido pola súa “nefastas xestión” da sanidade. “É lamentábel que o presidente da Xunta continúe a usar a Administración pública como se fose o seu cortijo”, rematan.