A CIG lamenta que o novo ERE en Adolfo Domínguez supoña o desmantelamento da empresa en Galiza

O persoal da compañía téxtil aceptou a proposta, que rebaixa os despidos e mellora as indemnizacións

Ourense -

A CIG de Ourense amosou hoxe a súa “profunda frustración” polo feito de que finalmente saíse adiante o ERE presentado por Adolfo Domínguez porque supón o “desmantelamento” da empresa téxtil en Galiza, onde quedará relegada a un centro de loxística, mentres a produción, que foi deslocalizada, se leva a cabo noutros países. O cadro de persoal da compañía ourensá aceptou en asemblea a proposta, que rebaixa os despedimentos previstos e mellora as indemnizacións.

O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, lembra que o traslado da produción viviu un momento chave en 2015, cando a compañía presentou outro ERE “ao que só se opuxo a CIG”. Dende entón o proceso foi indo a máis ano tras ano, até o punto de que coa aprobación deste novo ERE o responsábel sindical considera que se lle dá “a puntilla” á empresa. “O que vén de acontecer é un duro golpe para a industria téxtil galega, en especial para a comarca de Ourense”.

En canto ao ERE, Pérez Carballo sinala que cando menos se logrou, grazas ás negociacións e á mobilización como a que tivo lugar o pasado martes na cidade, onde previamente se celebrou unha asemblea, rebaixar o número de persoas afectadas e incrementar as indemnizacións.

“Como a empresa tivo perdas de 19 millóns de euros nos últimos dous exercicios, a xustiza ía avalar despidos con 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades; ademais, grazas ás últimas reformas laborais a autoridade laboral non ten competencias; por iso negociamos e conseguimos melloras, pero a sensación final é de derrota”.

O acordo final contempla que dos 295 despidos previstos inicialmente no conxunto do Estado español vanse executar 250, dos que arredor de 50 serán prexubilacións. En Galiza, dos 117 fixados ao comezo levaranse a cabo 64 despidos e 30 prexubilacións. Ademais, estableceuse un prazo de cinco días para acollerse voluntariamente ao ERE.

Indemnizacións

No que ten que ver coas indemnizacións, o pacto establece que as empregadas/os de menos de 58 anos recibirán 30 días por ano traballado, cun máximo de 18 mensualidades; as de 58 a 65 anos poderán prexubilarse por tramos de idade, de xeito que se compense o desfase económico entre os tres tramos fixados.

As que leven na empresa máis de 18 anos cobrarán 3000 euros a maiores. As que teñen entre 60 e 61 anos a empresa pagaralles o convenio especial coa Seguridade Social até os 64 anos, mentres que ás de 58-59 anos pagarallo até os 63.

Volver