A CIG lamenta que o Xulgado do Mercantil optase pola oferta de compra de Thenaisie que menos emprego garante

Maquinaria Tomás Guillén manterá só 14 persoas no Grove e 5 en Mos
O Grove/Mos - 28 Out 2021

A CIG lamenta que o Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra optase finalmente pola oferta de compra da conserveira Thenaisie Provoté que menos emprego garante. A compañía Maquinaria Tomás Guillén, á que se lle vén de adxudicar a adquisición, manterá unicamente 14 persoas no Grove e 5 en Mos.

A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar os detalles do auto xudicial que se coñecer o pasado día 21 mediante o que se lle adxudica Thenaisie -tanto a unidade produtiva do Grove como a de Mos- á empresa Maquinaria Tomás Guillén. 

A central agarda que nun ano a empresa sexa punteira no sector e duplique o seu cadro de persoal

Abuín non agochou a súa decepción polo feito de que a oferta vencedora, tal e como se recolle nos argumentos que se esgrimen no auto, estaba baseada máis no aspecto económico e non tanto no mantemento do emprego. “Tanto a oferta de Guillén como a de Canet Ferrero Inversiones tiñan a suficiente solvencia económica e as dúas apostaban por manter as unidades produtivas e o maior número de empregos, aínda que no caso de segunda os postos de traballo eran máis”.

Por iso lamentou que no auto se optase por valorar máis a oferta económica. “Está claro que si se lles pregunta aos bancos van optar pola que máis cartos dea”, tendo en conta que varias entidades financeiras son os principais acredores da empresa. “Non se tivo en conta p que significaba socialmente a oferta de Canet, xa que mantiña 71 empregos (51 no Grove e 20 en Mos), mentres que a de Guillén unicamente 19 (14 no Grove e 5 en Mos)”.

E iso a pesar de que tanto unha como a outra eran solventes economicamente e mantiñan as dúas unidades produtivas. “Ademais, Canet comprometérase a ir reincorporando a máis persoal e medida que o negocio fose aumentando”.

En canto ao contido das ofertas, detallou que a de Canet era de 2,2 millóns de euros, mentres que a primeira de Guillén achegábase aos 2,5 millóns, pero tras varios recursos fixo unha mellora e fixouna en pouco máis de 3 millóns de euros. Neste punto a xuíza valora tamén que Guillén recolla no seu plan industrial un investimento de 2,2 millóns para renovar a maquinaria.

120 traballadoras/es ao paro

Abuín indicou que o auto fixa un prazo dun mes para que se faga efectiva a adquisición da empresa por parte da oferta gañadora. “Pola experiencia que temos ao longo do conflito está claro que a partir de agora a súa resolución definitiva é unha cuestión de fe, porque o investimento de 2,2 millóns prometido por Guillén non queda garantido mediante o auto xudicial”. Con todo, adiantou que lle darán un voto de confianza, “pero imos estar vixilantes”.

Podemos dicir que Thenaisie non pecha, pero agardamos que Tomás Guillén cumpra o prometido na oferta

Tamén quixo deixar claro que polo de agora a única realidade é que 120 traballadoras/es van para o paro. De feito, comentou que xa se está comezando a negociar os ERE de extinción. “Quedarán unicamente 14 empregadas/os no Grove e 5 en Mos, pero descoñecemos cal vai ser o seu futuro. Podemos dicir que Thenaisie non se pecha, pero agardamos que Tomás Guillén cumpra o prometido na oferta”.

Lembrou que a central sindical demandaba que se presentase un aval pola metade do investimento previsto para garantir que se vai acometer, “porque deste xeito o auto non garante nada”. “Non estaba nas nosas mans escoller a mellor oferta, así que temos que dar por rematado o conflito, pero non coa satisfacción completa, xa que se deixan cousas importantes ao azar”.

Finalmente, amosou o seu desexo de que dentro dun ano Thenaisie sexa unha empresa punteira no sector e teña duplicado o seu cadro de persoal actual. “Entón si que nos sentiremos totalmente satisfeitas/os, porque nós defendiamos dende un principio que a mellor oferta sería a que mantivese as dúas unidades produtivas e o maior número de postos de traballo, que neste caso era a de Conservas Rías Baixas, con 77 empregos”.