A CIG lanza unha APP para achegar toda a información sindical de maneira áxil e accesíbel

Nacional - 17 Xul 2026

A CIG vén de pór en marcha unha aplicación móbil deseñada para achegar toda a información sindical, en tempo real e de xeito accesíbel, directamente ás mans das persoas traballadoras. A APP pódese descargar nesta ligazón: https://app.cig.gal/ (proximamente estará dispoñíbel tamén a versión para iPhone).

Como funciona a aplicación

A APP estrutúrase en tres niveis de información que permite estar sempre en conexión coa actividade sindical:

1. Pantalla principal: acceso ás últimas novas da CIG de todas as estruturas, informando dos principais acontecementos, convocatorias e decisións que afectan ao conxunto da clase traballadora galega.

2. Segunda pantalla: información da federación escollida e das actividades da comarca de afiliación, permitindo coñecer as iniciativas, conflitos e avances máis próximos a realidade laboral.

3. Terceira pantalla: comunicacións directas das distintas seccións sindicais da CIG, onde as persoas delegadas informan sobre a marcha das negociacións, convocatorias, accións e avances específicos do sector e/ou empresa.

Unha ferramenta en ampliación continua

Esta APP está nun punto continuo de ampliación de contidos, polo que animamos a probar a aplicación e explorar todos os seus contidos e usala de maneira habitual como medio de consulta sindical, mais tamén a comunicar as melloras que se consideren necesarias, compartir suxestións e opinións para enriquecela e reportar as incidencias técnicas a travás da canle app@galizacig.gal

A participación de todas as persoas é importante para que a aplicación sexa cada vez máis útil e se adapte ás necesidades reais. Pois, esta APP busca ser unha ferramenta para fortalecer a nosa organización colectiva.