A CIG leva ao trámite parlamentario a Iniciativa Popular por un sistema público de coidados

Presentou no rexistro seis veces máis sinaturas das necesarias, o que avala a súa demanda social
Nacional - 27 Mai 2021

A CIG presentou esta mañá, no Parlamento de Galiza, un total de 15.199 sinaturas para avalar a proposición non de lei de Iniciativa Popular pola que se insta ao goberno galego á creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. Seis veces máis sinaturas das necesarias que foron recollidas en cidades e vilas no decurso dunha campaña na que se constatou a preocupación das galegas e galegos por contar cun sistema público de coidados no que se garanta unha prestación integral dos servizos para unha poboación cada vez máis avellentada e condicións laborais dignas para as persoas que as prestan, maioritariamente mulleres.

Foi o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembrou que a central sindical puxo en marcha esta campaña para exixir ao goberno galego a xestión pública directa de todos os servizos sociais, de coidados e de atención ás persoas. Servizos cuxo carácter esencial quedou evidenciado coa pandemia.

Unha situación de emerxencia sanitaria que evidenciou ademais como “houbo unha mercantilización da saúde e fíxose dos coidados das persoas un negocio ao capricho dos fondos de investimento sen pensar nas consecuencias sociais que ten para as galegas e galegos”.

Beneficios millonarios a conta dos coidados

Nese sentido denunciou o “festín de beneficios millonarios que a conta da nosa saúde e dos nosos coidados teñen os fondos de investimento co beneplácito dos gobernos”.

Por iso incidiu na necesidade de que sexa un ente público galego quen concentre e preste todos os servizos, desde as residencias de maiores, até os centros de día, os centros de atención á discapacidade ou os servizos de axuda no fogar, entre outros. “Constitúen servizos sociais esenciais no noso país, máis cando o avellentamento da poboación, a dispersión xeográfica ou mesmo seguirmos a ter as pensións máis baixas do estado exixe que os servizos públicos xoguen un papel central”.

Xunto a isto denunciou como se trasladou a responsabilidade dos coidados durante a pandemia ás mulleres ao tempo que se seguen a privatizar servizos públicos e, fronte a isto, reclamou “a dignificación da atención ás persoas maiores, aos nenos e as nenas, as persoas discapacitadas ao conxunto da sociedade”, mais tamén “a dignificación das condicións de traballo”.

A este respecto, chamou a atención sobre a precaria situación que existe nas residencias privadas e as condicións de explotación laboral que padece o persoal “para garantir maior beneficio explotando ao persoal, que tamén aquí son maioritariamente mulleres”.

Precariedade nos Servizos de Axuda no Fogar

O secretario xeral da CIG asegurou que esta situación se repite tamén nos Servizos de Axuda no Fogar e sinalou que con esta iniciativa o que se propón é que estean integrados nesa rede pública galega “na que non por vivir nun concello ou noutro as traballadoras que prestan axuda ao fogar teñan que condicións laborais diferentes, como tampouco pode ser que os veciños e veciñas duns concellos ou doutros teñan un mellor ou peor servizo en función do lugar onde se presenten”.

Carril manifestou a súa preocupación polo camiño seguido polo PP que considerou que “está indo en dirección contraria ao que estamos formulando nós” e afirmou que “de nada vale lamentarse polo que ocorreu coas persoas maiores durante a pandemia se logo non se dan pasos decisivos para que haxa unha prestación e unha xestión directa dos servizos públicos”.

Advertiu que no ámbito sanitario “estamos vendo como o PP está permitindo que a saúde sexa un negocio para moitas empresas e para fondos de investimento” e afirmou que “non pode ser que tamén suceda o mesmo cun dereito fundamental para unha parte cada vez maior da sociedade”.

O secretario xeral da CIG considerou que as 15.199 sinaturas presentadas constatan que “é unha necesidade poñer fin ás políticas de privatización  dos servizos públicos, que é necesario recoñecer o labor social e dignificar as condicións de traballo, especialmente das mulleres que realizan estes labores para o conxunto da sociedade, e que os grupos parlamentarios estimen esta Iniciativa Popular para que se poidan dar os pasos necesarios para que haxa unha xestión pública directa de todos os servizos de inmediato”. E concluíu afirmando que “só depende de que haxa vontade política”.