A CIG leva dende 2017 denunciando a situación da residencia de maiores intervida pola Xunta en Salvaterra

CCOO negara as deficiencias asegurando que o centro pasara as inspeccións correspondentes
Salvaterra de Miño - 10 Nov 2020

A CIG leva dende o ano 2017 denunciando a situación de sobrecarga de traballo e de atención deficiente na Residencia Geriátrica Salvatierra, que a Xunta vén de intervir para reforzar o persoal ante o contaxio masivo por covid entre as traballadoras/es e os usuarias/as, sen que nin a Inspección de Traballo nin a inspección de maiores da Xunta tivesen actuado. Dende a central lembran que CCOO, que agora sostén que as instalacións do centro son “practicamente terceiromundistas” e que “nunca houbo a fiscalización seria que esixe un concerto co sector privado”, negara as deficiencias no seu día asegurando que a residencia pasara as inspeccións correspondentes.

De feito, o sindicato estatal lograra representación sindical no centro coa colaboración da propia dirección, tras o que criticaron publicamente as denuncias da CIG “e lavaron a cara dos seus responsábeis asegurando que pasaran as inspeccións correspondentes e que contaban coas ratios de persoal e coa calidade esixíbeis”. Ademais, acusaron a central nacionalista de usar a acción sindical con intereses políticos para lograr a xestión pública do centro, “chegando a cualificar os seus propietarios como pequena peme local”. 

É necesario un cambio no modelo de xestión das residencias, para que cando menos o drama que estamos a vivir teña a utilidade que non tiveron as nosas denuncias

Segundo explican dende a CIG, nunha xuntanza celebrada na sede da Inspección e Traballo en decembro de 2017 entregáronlles un informe tanto á autoridade laboral como á empresa e ás representantes de CCOO no que se avaliaba a situación da residencia e se achegaban unha serie de propostas para mellorar as condicións das traballadoras/as e das usuarias/os.

“Lamentabelmente, unha vez máis a intervención da Inspección foi nula, e a representación sindical e a propia empresa continuaron co seu cometido, que non foi outro que eliminar toda posibilidade de que a CIG tivese representación no centro de traballo”.

Acoso laboral

A central decidira facer pública a situación dunha serie de traballadoras que estaban a ser acosadas laboralmente por parte da dirección, “que exercía un acoso vil sobre elas, mediante o uso de violencia verbal, coa intención de conseguir despidos baratos de persoal con antigüidade”. Como consecuencia, dúas traballadoras estiveron de baixa médica por depresión, situación que foi denunciada diante da Inspección.

Neste contexto, catro afiliadas da CIG decidiron dar un paso á fronte e promoveron eleccións sindicais na empresa, “que sempre atopa, grazas ao medo é as 'gratificacións voluntarias', peóns para facerlle o xogo; CCOO fixo o resto, amañando unha candidatura no despacho da dirección; deste xeito gañaron o proceso electoral”.

Tan só dez días despois a empresa decide abrir “tres expedientes disciplinarios falsos” coa intención atacar ás afiliadas da CIG, que supoñen o despedimento de tres compañeiras “unicamente por defender a súa dignidade”. A central decide entón presentar denuncia nos Xulgados e diante da autoridade laboral, logrando a improcedencia do despido das seis traballadoras afectadas.

Apertura dunha investigación

Ante a gravidade dos feitos que saíron á luz pública unha vez a residencia foi intervida pola Xunta, dende a central reclaman a apertura inmediata dunha investigación para esclarecer o acontecido durante estes anos, “determinando a responsabilidade tanto das Administracións que no seu día foron informadas das irregularidades existentes no centro como da propia dirección da residencia, que mantén unhas condicións de explotación laboral e de atención deficiente dende hai anos”.

Ademais, esíxelle ao Goberno galego, ao que cualifica de “cómplice necesario”, un cambio radical no modelo de xestión das residencias e da atención ás persoas dependentes, “para que cando menos todo o drama que estamos a vivir teña a utilidade que as continuas denuncias non tiveron”.