A CIG logra 8 dos 9 representantes do comité do grupo Ecoforest a primeira vez que presenta candidatura

Fíxose coa maioría absoluta no colexio de especialistas e no de técnicos da firma con sede en Nigrán

Nigrán -

A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG gañou as eleccións sindicais que se veñen de celebrar no grupo Ecoforest, con sede no polígono de Porto do Molle, en Nigrán, ao facerse con 8 dos 9 representantes que se escollían no comité de empresa. A central sindical logrou a maioría absoluta tanto no colexio de especialistas como entre o persoal técnico e administrativo, sendo a primeira vez que presenta candidatura.

Tras o proceso electoral o comité de Ecoforest estará formado por 8 delegados/as da CIG e por 1 da UGT, sindicato que até o de agora contaba cos 8 representantes que se escollían entre as distintas compañías do grupo. Nesta ocasión as eleccións celebráronse en conxunto, escolléndose 9 delegados/as en total. 

A FCM fíxose coa maioría absoluta nos dous colexios

A CIG fíxose con 6 no colexio de técnicos/as, onde foi a única candidatura presentada, grazas aos 53 votos que obtivo, e con 3 no de especialistas, con 26 apoios. Neste colexio competiu coa candidatura da UGT, que logrou 11 votos e un delegado/a.

Dende a FCM agradecen a confianza depositada polos traballadores/as de Ecoforest no proxecto sindical que representa a CIG e garanten o compromiso dos representantes da central sindical no grupo de empresas coa defensa dos dereitos laborais e sociais de todo o cadro de persoal, integrado por unhas 135 persoas. Neste senso, adiantan que o primeiro obxectivo da CIG será a negociación dun novo convenio colectivo de empresa, xa que o actual leva cinco anos caducado.

Volver