A CIG logra a maioría absoluta en Ascensores Enor na provincia de Pontevedra

Fíxose con 3 dos 5 representantes que se escollían no comité
Vigo/Pontevedra - 12 Nov 2020

A CIG-Industria logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas en Ascensores Enor, do grupo Otis, compañía con sede en Vigo pero que conta tamén cun centro de traballo en Pontevedra. A central fíxose con tres dos cinco representantes que se escollían no comité de empresa provincial.

No proceso que tivo lugar onte a CIG sumou un total de 43 votos dos 52 emitidos nos colexio de especialistas, que se traducen en tres delegados/as. O Sindicato Independente de Traballadores (SIT)-Enor contabilizou oito apoios, polo que non logrou representación. Onde si a obtivo (dous delegados/as) foi no colexio de técnicos/as e administrativos/as, xa que a súa candidatura foi a única que concorreu. 

Na empresa traballan un total de 84 persoas

Trátase da primeira vez en máis dunha década que Ascensores Enor conta con representación sindical. A empresa ten a súa sede no polígono loxístico e tecnolóxico de Valadares e nela traballan un total de 84 persoas repartidas entre os dous centros de traballo que posúe na provincia.

Dende a representación da CIG en Ascensores Enor agradécenlle ao cadro de persoal a confianza depositada na súa candidatura e adiantan a súa disposición a loitar na defensa dos dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as da empresa.