A CIG-Construción revalida a maioría absoluta en Hormigones Valle Miñor

Fíxose con 4 dos 5 representantes que se escollían no comité de empresa
Baiona - 05 Xul 2023

A federación da Construción e Madeira da CIG de Vigo revalidou a maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar en Hormigones Valle Miñor, empresa con sede na parroquia baionesa da Ramallosa pero centros de traballo en varias localidades da provincia de Pontevedra. A central fíxose con 4 dos 5 delegados/as do comité, aumentando deste xeito a representación obtida no anterior proceso.

Nas eleccións sindicais que tiveron lugar o pasado luns a candidatura da CIG sumou un total de 47 votos (4 representantes) e a da UGT 16 (1 representantes). Contabilizáronse tamén 2 papeletas en branco entre o total de 68 persoas traballadoras con dereito a voto, todas elas no colexio de especialistas. Este resultado supón mellorar o obtido pola central no anterior proceso, no que lograra 3 representantes, por 2 da UGT.

A central sindical sumou 47 votos, por 16 da UGT

Dende a CIG-Construción agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal de Hormigones Valle Miñor no seu proxecto sindical e adiantan a disposición da representación da central na empresa a continuar loitando pola mellora das condicións de traballo e na defensa dos dereitos laborais de todas as persoas traballadoras.