A CIG logra a maioría nas eleccións sindicais do persoal laboral no Concello de Ordes

A central obtivo tres dos/as cinco representantes do comité

Ordes -

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas entre o persoal laboral do Concello de Ordes, acadando tres dos/as cinco representantes do comité de empresa. Dende a CIG-Administración destacan a elevadísima participación nas votacións, que acadou o 100% no colexio de técnicos/as e chegou ao 80% no de especialistas.

Este resultado, engade a CIG-Administración, racha coa maioría no órgano de representación que durante os últimos anos tivo a CSIF "que neste tempo non fixo acción sindical e limitouse a actuar como unha prolongación dos gobernos municipais". Esta é unha das razóns, ao entender da central nacionalista, que explica a altísima participación do persoal laboral nestas eleccións, nas que no colexio de especialistas a candidatura da CIG obtivo 29 votos fronte aos sete logrados pola lista da CSIF.

"Isto reflicte as gañas de cambio das traballadoras e dos traballadores, que están fartos de tanto desleixo e falta de acción na defensa dos seus intereses". Neste senso, os delegados e delegadas da CIG reafirman o seu compromiso por cambiar esta situación e que, por fin, no Concello de Ordes "comece a facerse sindicalismo de verdade". Entre outras cuestións márcanse como traballo prioritario para os próximos catro anos a renovación da RPT, a posta en marcha da negociación do convenio colectivo ou a consolidación de emprego, "xa que non hai nada feito a causa da desidia da CSIF".

Este éxito entre o persoal laboral súmase ao resultado obtido nas eleccións do persoal funcionario, onde a CIG, por terceiro mandato consecutivo, volver lograr o único representante que se elixe.

Volver