A CIG logra que o TSXG recoñeza o dereito do persoal de Securitas en Pontevedra a cobrar as horas extra a mes vencido

A decisión chega tras o conflito colectivo presentado pola central contra a empresa de seguridade
Pontevedra - 02 Nov 2020

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de recoñecer o dereito do persoal de Securitas na provincia de Pontevedra a que se lle abonen as horas extraordinarias a mes vencido independentemente do cómputo que a empresa estea a aplicar, “xa que todas as horas realizadas por riba dos calendarios laborais preestablecidos teñen consideración de horas extras”.

Dende a CIG lembran que levan tempo pelexando coa empresa para que recoñeza este dereito. De feito, xa en de outubro de 2019 a Inspección de Traballo ditara unha resolución neste sentido a raíz dunha denuncia da central, o que provocou unha negociación coa empresa que rematou sen acordo. Diante disto, en marzo deste ano a CIG presentou un escrito a Comisión Paritaria do Convenio Colectivo para a interpretación do artigo 53, “non recibindo resposta, sendo este o paso previo á presentación do conflito colectivo”. 

A CIG leva tempo pelexando coa empresa para que recoñeza este dereito

Esta cuestión foi abordada en varias ocasións nas xuntanzas do comité de empresa, onde a CIG anunciou que adoptaría as medidas que considerase oportunas na defensa deste dereito. Posteriormente, no mes de xuño a CIG e UGT presentaron papeleta de conciliación no SMAC por conflito colectivo contra Securitas, celebrándose a conciliación o 15 de xullo, acto que rematou sen acordo. Este acto foi aproveitado por Alternativa Sindical para adherirse á demanda.

O pasado 22 de outubro celebrouse no TSXG o xuízo deste conflito colectivo, no que se aportaron como probas tanto a documental como a declaración como testemuña contra a empresa do secretario do comité e responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, intervención que foi chave para o esclarecemento dos feitos defendidos pola parte sindical, como así se recoñece na propia sentenza.

Unha semana despois fíxose pública a sentenza do TSXG na que se declara contraria a dereito esta práctica empresarial e se establece que o persoal ten dereito a que as horas extras realizadas se lles abonen no mes inmediatamente seguinte ao da súa realización, ou ben lles sexan compensadas polo tempo equivalente en descanso retribuído nos catro meses seguintes á súa realización.

Reclamación de cantidades

“Agora toca ver o que vai facer a empresa, xa que no caso de presentar recurso de casación iremos a defender este dereito no Tribunal Supremo (TS); aínda así, animamos os compañeiros/as a presentar demandas de reclamación de cantidades se a empresa non comeza a abonar as horas extras como establece a sentenza”, indican dende a CIG.

Finalmente, inciden en que seguirán a defender os intereses tanto do persoal de Securitas como do conxunto do sector da seguridade privada para mellorar as súas condicións laborais, “non permitindo que as empresas vulneren os nosos dereitos para o seu propio beneficio”.