A CIG logra que o Xulgado de Ourense aplique o convenio do persoal laboral da Xunta a empregados/as de Seaga

A medida beneficia a 71 brigadistas, mais a central intentará que se estenda aos 500 operarios/as
Vigo - 12 Xul 2016
O Xulgado do Social número 3 de Ourense vén de decretar, resolvendo dúas das catro demandas interpostas pola Unión Local da CIG de Verín e A Limia en representación de 71 traballadores/as de Seaga, que os dereitos e deberes do persoal, ao carecer de convenio colectivo propio, deben de estar regulados polo convenio do persoal laboral da Xunta. A central xa anunciou que iniciará unha campaña para estender o efecto destas sentenzas, que aínda poden ser recorridas diante do TSXG, aos 500 empregados/as da compañía pública.

A decisión xudicial que se vén de coñecer, e que hoxe foi presentada en rolda de prensa, respalda as teses defendidas pola CIG, que basea a súa argumentación nos artigos 45 e 46.6 da Lei 16/2010 do Sector Público Autonómico, “que non son respectados nin pola dirección de Seaga nin pola Consellaría do Medio Rural”.

Dende a central lembran que o primeiro destes artigos establece que as sociedades mercantís públicas autonómicas, como Seaga, forman parte das denominadas entidades públicas instrumentais da Xunta, mentres o artigo 46.6 determina que os instrumentos que regulen as condicións de traballo e réxime retributivo do persoal deste tipo de sociedades deben de contemplar <<un réxime retributivo semellante ao do resto do persoal laboral da Xunta>>.

Na CIG entenden que o persoal da Seaga deu un paso moi importante tanto na normalización imediata dos seus dereitos e obrigas (retribucións, descansos, vacacións, antigüidades, etc.) como na futura negociación colectiva “que supoñemos que agora si a dirección da empresa estará interesada en emprender, baixo risco de aplicación do convenio do persoal laboral da Xunta de non facelo”.

Así, trasládanlle os seus parabéns xa que, aínda que a aplicación destas resolucións se poida demorar no caso de que sexan recorridas ao TSXG, “constitúen un fito chave dirixido a rescatar da precariedade un servizo público esencial para o rural galego e para os nosos montes”.

Ao mesmo tempo, anuncian que iniciarán nos próximos meses unha campaña para estender o efecto destas sentenzas a todo o persoal da Seaga na Galiza (500 operarios/as), así como para reclamar a aplicación do resto dos dereitos contidos no convenio da Xunta ao persoal da empresa pública, “non só as horas extras e nocturnas que foron o motivo inicial polo que se interpuxeron as demandas”.

A decisión xudicial chega pouco despois de que a Sala do Social do TSXG condenase a Seaga a estender o período de contratación de todos os traballadores/as fixos/as descontinuos/as á duración completa das campañas de perigo alto, o que implicará un aumento de 35 días a cada empregado/a. A sentenza, que afectará a uns 500 brigadistas de extinción de incendios forestais de todo o país, chegou a raíz da demanda de conflito colectivo presentada pola CIG.