A CIG manifesta a súa máis enérxica repulsa ao intento de golpe de estado auspiciado polos EEUU e apoiado pola UE en Venezuela

A central sindical solidarízase co pobo venezolano, apoia a súa soberanía e proclama Non á Guerra!
Internacional - 30 Abr 2019

A CIG manifesta o seu máis absoluto rexeitamento ao novo intento de golpe de estado -auspiciado polos Estados Unidos e apoiado pola Unión Europea- que neste intre está enfrontando o pobo venezolano. A central sindical reitera a súa defensa inquebrantábel do dereito dos pobos a súa soberanía. Denuncia o bloqueo económico e os ataques que, dunha forma ou doutra,  vén padecendo a República Bolivariana de Venezuela. Denuncia tamén a sistemática manipulación informativa da que é obxecto Venezuela desde hai anos, que tiña como único obxectivo preparar á opinión pública internacional para que permaneza impasible nun momento como este.

A CIG proclama un Non á guerra! e manifesta o seu apoio ao pobo venezolano que está neste intre congregado diante do palacio de Miraflores para defender o seu goberno e o seu lexítimo Presidente. Agarda que o golpe de estado se frustre, como ocorreu en intentos anteriores e que, tal e como informa o Ministro Jorge Rodríguez, se desactive ao grupo de militares que se posicionaron no Distribuidor Altamira “para promover un Golpe de Estado contra la Constitución y la paz de la República."

Denuncia, fronte a isto, a hipocrisía do estado español, que recoñeceu no seu momento ao autoproclamado presidente e representante da ultradereita, Juan Guaidó, e manifesta a súa repulsa ante a grave irresponsabilidade do Presidente do Parlamento europeo, Antonio Tajani, quen esta mesma mañá alentou coas súas declaracións un golpe de estado que podería ter terribles consecuencias para as vidas humanas.

A CIG lembra que Venezuela foi vítima da violación sistemática da súa soberanía a través dun bloqueo económico e financeiro imposto por unha orde executiva emitida en 2015 pola Casa Branca e reforzada pola actual administración de Estados Unidos.

Unha Orde a consecuencia da que o pobo de Venezuela vén sufrindo escaseza de medicamentos e alimentos que afecta ás conquistas sociais que tiña alcanzando en anos anteriores. Vendo fracasados os intentos de derrotar á Revolución Bolivariana polas vías non convencionais, incrementaron as formas de guerra e intervención até o punto de chegar a un magnicidio en grao de frustración contra o presidente lexítimo, Nicolás Maduro Moros.

Fracasado tamén este plan, Washington e os seus satélites foron creando as condicións a nivel internacional para xustificar unha intervención militar. O pobo venezolano, ante esta situación, deu mostra de resistencias inéditas, produto das súas propias reservas morais e éticas, acumuladas desde o trunfo histórico do comandante Hugo Chávez en 1998, que serviu de exemplo para o mundo.

Venezuela polo seu papel xeopolítico e estratéxico resulta un obstáculo para os plans de control da rexión das elites transnacionais que necesitan apropiarse dos seus recursos naturais. Estas, e non outras, son as razóns polas que tanto Estados Unidos, como a UE precisan dun novo goberno títere que lles permita, máis unha vez, facerse co control das riquezas dos pobos latinoamericanos.