A CIG manifesta a súa rotunda oposición a ampliar o cálculo das pensións a toda a vida laboral

Exixe derrogar as reformas, garantir o poder adquisitivo e que as mínimas igualen o SMI
Nacional - 17 Xan 2018

A CIG considera que o anuncio da Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, de reformar novamente o sistema público de pensións ampliando o período de cálculo a toda a vida laboral é “alarmante”. A central sindical manifesta o seu absoluto rexeitamento á posta en marcha desta ou doutras medidas similares que teñen como único obxectivo provocar unha aínda maior redución das súas contías e obrigar ás traballadoras e traballadores a subscribir plans privados para favorecer así o negocio da banca.

Fronte a isto a CIG, que entregou o pasado 21 de xuño preto de 14.300 sinaturas recollidas polo colectivo de xubilados/as e pensionistas no Parlamento de Galiza en defensa do sistema público de pensións, demanda que freen dunha vez os constantes ataques ao mesmo, que se derroguen as reformas que xa provocaron nos últimos anos o seu deterioro, que se garanta o seu poder adquisitivo e que as mínimas sexan iguais ao SMI.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinala ademais a necesidade de derrogar as reformas laborais e exixe que se articulen medidas para rematar coa subcontratación, a precariedade e as tarifas planas para as empresas non cotizar á Seguridade Social, que son as que van xerando un deterioro na vía dos ingresos.

A CIG convocou en 2011 unha folga xeral, en solitario, contra a reforma do PSOE e mobilizouse en 2013 contra a reforma do PP

 Lembra que a central sindical xa tivo que convocar unha folga xeral en solitario, no ano 2011, contra o atraso da idade de xubilación aos 67 anos -promovido daquela polo goberno do PSOE- e que se mobilizou en 2013 contra a reforma do goberno do PP, encabezado por Mariano Rajoy, na que se impuxo que o IPC deixara de ser o referente para o seu incremento e se introduciu que, en 2019, o factor de sustentabilibilidade opere co obxectivo de empeorar e reducir as pensións públicas.

Carril asegura que todas as dúbidas que se están a xerar arredor da viabilidade do sistema público de pensións son interesadas para favorecer precisamente os plans privados e seguir neste camiño de recorte das pensións públicas, alongando os anos de referencia para o seu cálculo e na vía de atrasar a idade de xubilación até os 70 anos.

Pensións por debaixo da media

Xunto a isto subliña que as pensións galegas xa están un 15-20% por debaixo da media das contías das pensións no Estado español e que esas sucesivas reformas aprobadas por PP e PSOE fixeron cada vez máis difícil o acceso ás pensións contributivas, rebaixaron as pensións de quen accede ao sistema e atrasaron a idade efectiva da xubilación. Isto xunto o feito de que nos últimos 6 anos houbo varios exercicios nos que non se revisou o seu importe nominal –ou este se fixo por debaixo da inflación-.

A mocidade, abafada pola precariedade, sería a máis afectada

As consecuencias de tomar como referencia para o cálculo das pensións toda a vida laboral serían nefastas para a clase traballadora galega en xeral mais afectarían de forma especial á mocidade que sofre, con dureza, os efectos da reforma laboral de 2012, que contribuíu á súa precarización.

Tal é así que entre os menores de 18 anos os ingresos diminuíron un 43% desde 2009 e non chegan sequera aos 2.500 euros brutos anuais. O mesmo ocorre no grupo de idade de entre 18 e 26 anos, onde os ingresos se reduciron desde 2009 un 24%, superando apenas os 6.300 euros anuais e nin se achegan ao SMI.

Consecuencias para as pensións das mulleres traballadoras

A CIG alerta tamén das consecuencias que tería para as mulleres, que xa están discriminadas no acceso ás pensións contributivas, porque teñen unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización.

Ademais hai unha feminización das pensións non contributivas, o que fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo o limiar da pobreza.

Erros no cálculo

Ás xa mermadas pensións engádense os erros no sistema de cálculo detectados pola CIG na provincia de Pontevedra. A central sindical trasladou ao INSS que iso estaba provocando unha redución dos ingresos das persoas xubiladas, xa que as bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social non coincidían coas bases reguladoras do cálculo que fai o Instituto Nacional da Seguridade Social.

O propio INSS recoñeceu a existencia deste redondeo á baixa mais non explicou que se vai facer para evitar que persista.