A CIG manifesta a súa satisfacción pola posta en liberdade de Lula

A central agarda que se tomen as medidas oportunas contra quen inxustamente o meteu na cadea
Internacional - 12 Nov 2019

A CIG saúda e celebra a posta en liberdade do expresidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, logo da decisión do Supremo Tribunal Federal (STF) que, a pesar da situación política de estado de excepción imposta por Bolsonaro e o seu goberno, vén representar un avance no que ten a ver co respecto á presunción de inocencia. Isto levou á liberación de Lula, condenado e metido na cadea inxustamente, logo dun proceso cheo de irregularidades e falsidades.

A central agarda que este sexa o inicio dun camiño de retorno até o acordo democrático constituínte de 1988 no Brasil, que rachou coa ditadura e iniciou un proceso democrático, de xustiza e de progreso social, que tivo precisamente o seu máximo expoñente durante a presidencia de Lula da Silva, e que se veu interrompido polo golpe contra a lexítima presidenta Dilma Rousseff, a presidencia interina de Témer, e a chegada do fascista Bolsonaro.

Un proceso que xerou alarma non só polo vertixinoso avanzo das políticas neoliberais, a venda da soberanía ao capital transnacional, o negacionismo do cambio climático e as agresións contra a Amazonía e as poboacións indíxenas, os recortes de dereitos laborais e sindicais, e o incremento esaxerado das cifras de desemprego, precariedade desigualdade e pobreza…; senón tamén polo ataque contra os dereitos e liberdades, contra as mulleres, contra a oposición, contra a poboación negra, e contra os dereitos civís en xeral, adoptando sen complexos actitudes represivas, persecutorias e fascistas contra calquera movemento discrepante.

A central agarda que tras da  decisión tomada polo STF sexan depuradas as responsabilidades que dela se derivan, até as últimas consecuencias, comezando polo xuíz Moro e chegando até o propio Bolsonaro, que nunca chegaría á Presidencia se Lula non fora privado do seu dereito a presentarse ás últimas eleccións. Esta proceso, e os indicios que existen polo asasinato da concelleira de Rio de Xaneiro, Marielle Franco, parecen motivos suficientes para apartalo da presidencia do Brasil.

Desde a CIG sempre apoiamos todas as campañas “Lula Livre”que se fixeron a favor da liberación da súa liberación e cremos que, logo de como se desenvolveron os acontecementos, aínda está máis xustificada a petición para el do Premio Nobel da Paz á que tamén nos sumamos.