A CIG manifesta a súa solidariedade co pobo cubano e exixe o cese do bloqueo imposto polos EEUU

Demanda do goberno español que se pronuncie en contra e acepte a súa axuda sanitaria como outros países europeos

Internacional -

Neste tempos, nos que estamos a vivir unha grave situación de alarma mundial de efectos dramáticos, tanto desde o punto de vista sanitario, como laboral, social e económico, unha situación na que está en xogo a vida das persoas, a súa saúde e a súa subsistencia, resulta noxento e indignante ver como o imperialismo, encabezado polos EEUU e os seus socios, segue a incrementar a presión sobre os pobos e réximes políticos que non se pregan aos seus intereses e mandato. Cando toda a cidadanía mundial está loitando por saír desta pandemia, o Sr. Trump, que non é quen de atender os devastadores efectos do virus na súa poboación, pon en marcha unha estratexia de acoso intervencionista militar na zona do Caribe, contra Venezuela  e, de paso, contra Cuba e Nicaragua. Estratexia secundada pola OTAN (ao mando do Xeneral Wolters, do exército norteamericano), e coa participación de unidades navais do Reino Unido e de Francia, ao mesmo tempo que desprega exercicios militares en Europa, como ameaza a Rusia.

O bloqueo ao que EEUU vén sometendo a Cuba nos últimos 60 anos ten sido un grande obstáculo para o desenvolvemento do país caribeño, e para o benestar da súa poboación. E esta situación inxusta, ilegal e que se sostivo con total impunidade, a pesar das reiteradas condenas a nivel internacional, vese agora agravada polos efectos do COVID19 e as limitacións de recursos para enfrontarse a el con garantías. Como xa é sabido, o bloqueo impide que Cuba poida mercar suministracións e tecnoloxías médicas que teñan máis dun 10% de compoñentes estadounidenses. Empresas de transnacionais e tecnoloxías de EEUU son as principais produtoras de equipas e instrumental médico en calquera país do mundo. É por isto que Cuba non ten acceso, como o resto dos estados, a eses recursos e tecnoloxías necesarias para loitar contra unha pandemia mundial.

Esta actitude abafante e intransixente do goberno ianqui, as constantes multas e sancións impostas a países e a empresas de todo o mundo, non fan máis que dificultar as operacións comerciais que Cuba ten dereito a desenvolver, como calquera outro país, para dotar de servizos ao seu pobo, incluída a merca de insumos e tecnoloxía médica. Tamén se dificulta a chegada de doazóns, polas presións ás  entidades bancarias, a chegada de buques aos portos da illa e de transporte aéreo. Así mesmo, a imposibilidade de usar o dólar e o sistema financeiro estadounidense nas súas transaccións, encarece a merca de alimentos e produtos de fabricación de outros bens, dados os custes de servizos bancarios innecesarios e redundantes derivados do uso doutras divisas.

A prohibición da entrada de barcos nos EEUU que antes pasaran por Cuba, encarece os custes loxísticos de todas as súas operacións comerciais internacionais, e imposibilita moitas delas, pois impón condicións máis duras para as navieiras que Cuba debe asumir. A escaseza de combustible, como consecuencia das presións extraordinarias impostas en 2019 sobre navieiras, armadoras e aseguradoras que o transportan a Cuba, e prexudican a capacidade de resposta rápida ao sistema de saúde cubano.

Un sistema de saúde que se caracteriza non só pola súa alta cualificación profesional e a atención universal gratuíta á súa poboación (cousa da que non pode presumir o imperio ianqui, por certo), senón tamén pola súa contrastada Solidariedade con todos os pobos do mundo, alá onde fora necesario, tanto nos países con total ausencia de recursos, como nos países occidentais, como se está a ver actualmente en Andorra ou Italia, onde se aplaude a colaboración de médicos/as cubanos/as, mentres ese invento perfecto do neoliberalismo que representa a Unión Europea, nin apareceu, nin se lle agarda.

É por todo isto que, desde a CIG, esiximos o levantamento inmediato disto bloqueo criminal e inhumano dos EE.UU. contra Cuba, e o cese das hostilidades intervencionistas e imperialistas contra o seu goberno e a súa poboación. Instamos ás institucións internacionais, comezando pola ONU, a que tome cartas no asunto.

Neste senso, desde a CIG instamos ao goberno español, autoproclamado como “progresista”, a que se pronuncie, contra este bloqueo e solicite a axuda sanitaria ao goberno cubano para afrontar esta pandemia, tal e como fixeron outros países, tamén do noso entorno, como Italia, Andorra,…. Está moi ben que certas organizacións políticas saquen comunicados contra o bloqueo, pero chama a atención o seu silencio desde as institucións que gobernan.

Estamos e seguiremos a participar en todos aqueles foros e plataformas internacionais que están a denunciar esta situación, como a Asemblea Internacional dos Pobos, o Encontro Antimperialista e outros, e reiteramos todo o noso apoio e solidariedade co pobo cubano, ofrecendo toda a nosa colaboración e, en coordinación co Consulado de Cuba en Galiza,  levar a cabo todas as accións necesarias para poñer freo a esta inxusta situación .

Volver