A CIG mantén o pulo mobilizador en Vigo para ampliar a resposta social

A central logra unha numerosa manifestación, a segunda en dous meses, en prol do emprego digno na comarca viguesa
Vigo - 30 Nov 2016

A segunda manifestación da ampla campaña que a CIG de Vigo está a desenvolver para reivindicar un futuro laboral digno para a clase traballadora da bisbarra colleitou de novo unha importante participación, logrando reunir máis de mil persoas desde a Dobrada até a farola de Urzáiz a pouco máis de dous meses da realizada o pasado 20 de setembro.

Así como a néboa provocada polas interminábeis campañas eleitorais que abafaron este 2016 comeza a disiparse, e coa mesma moitas das ilusións depositadas na eventual mudanza de políticas pola vía eleitoral, a clase traballadora viguesa retorna cun paso cada vez máis sostido cara as dinámicas mobilizadoras, procurando lograr por esta vía a presión social necesaria para reverter os recortes a través do fortalecemento da organización de clase e da acción nas rúas e centros de traballo. 

A clase traballadora viguesa retorna cun paso cada vez máis sostido cara as dinámicas mobilizadoras

Así o expresou Alberte Gonçalves, secretario comarcal da CIG de Vigo ao remate da manifestación, para quen é esencial “pasar á ofensiva para conseguir unha mudanza radical da realidade e avanzar no camiño de poñer fin a este réxime inxusto, de desigualdades, que nos explota e que nos oprime”.

Nun discurso repleto de exhortacións á mobilización e de enunciación estratéxica, nun ton moi próximo ao de datas importantes como a do 10 de marzo ou Primeiro de Maio, o secretario comarcal enfatizou, mais unha vez, a necesidade de combater a propaganda oficial que fala dunha inexistente recuperación económica, así como a de sinalar os culpábeis da crise, aportando, asemade, alternativas ao futuro de prostración para a clase traballadora que pretenden os diferentes gobernos baixo ordes directas dos centros capitalistas.

Onde está a recuperación da comarca de Vigo?
  • 80.000 desempregados/as
  • 3.900 postos de traballo destruídos na industria no último ano
  • 9 de cada 10 contratos son temporais
  • Aumentan os contratos por horas e por días con salarios de pura miseria
  • Brutal precarización das condicións laborais
  • Sector naval en coma produtivo
  • Menos postos na automoción e cada vez en peores condicións

Deste xeito, e despois de aportar as “cifras da vergoña”, que demostran de forma irrefutábel a situación de penuria da bisbarra, afirmou que é tempo de deixarmos de despregar ningún datos máis “e propoñamos desde o momento presente” medidas de actuación concretas “contrarias ás políticas que o PP executa ao servizo do grande capital, empresariado e banca”.

Neste sentido, fixo referencia a algunhas das propostas da central nacionalista:

Resumo das propostas da CIG
  • Plano de reindustrialización
  • Intervención pública para reactivar sector naval e apuntalar a automoción
  • Recuperación da ría de Vigo
  • Derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e leis antidemocráticas como a lei mordaza
  • Reducir a xornada laboral ás 35h semanais e limitar as horas extra para repartir o traballo
  • Acabar coas ETTs e poñer couto aos contratos temporais e a tempo parcial
  • Aumentar o salario mínimo e crear un salario de inserción social e laboral
  • Reactivación da negociación colectiva e marco galego de relacións laborais
  • Fin dos recortes nos servizos públicos.

No tocante ás fórmulas para conquerir estas metas, Gonçalves afirmou que é preciso loitar unitaria e organizadamente desde a maioría social “contra a tentativa da patronal de dividirnos en empregados fixos ou eventuais, empregados ou desempregados, da principal ou subcontrata, do sector privado ou público, en cadros antigos e novos, ou con condicións precarias e menos precarias”, para dar lugar a respostas que no día a día vaian acumulando forzas cara unha meta que debe ir alén de “limitarnos a recuperar o que nos roubaron”.

A nosa meta debe ir alén de limitarnos a recuperar o que nos roubaron

Ademais, tamén adicou duras críticas ao sindicalismo de concertación social e enarbolou a bandeira da loita en prol dunha soberanía nacional que na Galiza pasa por empoderar os sectores populares.

Nesa tarefa tede a certeza de que poderedes contar sempre coa CIG. Avante a loita obreira e viva Galiza Ceive e Socialista”, finalizou, entre aplausos, antes de dar paso ao canto colectivo do himno galego.