• Nova

A CIG mantén un encontro coa cooperante Juana Ruiz e Galiza por Palestina

Estivo encarcerada 300 días, acusada por Israel de colaborar con organización ilegal
Internacional - 04 Ago 2022

O responsable do departamento de Internacional da CIG, Xosé Lois Rivera, mantivo un encontro coa cooperante Juana Ruiz, que foi condenada por un tribunal militar israelí, acusada inxustamente de colaboración coa Fronte Popular de Liberación de Palestina (FPLP), considerada por Israel organización ilegal.

Ruiz, que está na Galiza en visita privada co seu home, permaneceu na cadea 300 días, logo dun interrogatorio de 13 días e finalmente foi posta primeiro en liberdade condicional e despois en liberdade definitiva, mais con limitacións para poder exercer o seu traballo durante, cando menos, 5 anos.

No encontro, que serviu para intercambiar impresións acerca da situación de Palestina, Juana Ruiz expresou a súa intención de escribir un libro sobre a situación das presas palestinas que están nas prisións de Israel, das que considera que se fala pouco.

Abriuse tamén o camiño a unha futura colaboración entre as organizacións coas que ela ten contactos e a CIG, ademais de abordarse a posibilidade de pór en marcha algún proxecto de cooperación con algunha organización palestina e mesmo de organizar encontros con organizacións en Palestina.

Rivera trasladoulle a solidariedade da CIG pola súa situación e a solidariedade co conxunto do pobo palestino, ao igual que os representantes da plataforma Galiza por Palestina, que tamén participaron no encontro.