A CIG, membro de ETUN, denuncia as agresións contra os labregos e labregas palestinos

Nacional - 03 Mar 2023

A CIG, como membro da Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina (ETUN, polas súas siglas en inglés), quere trasladar toda a súa solidariedade co pobo palestino e denunciar, unha vez máis, as agresións ás que está sendo sometido por parte de Israel. Neste caso, contra os labregos e labregas.

Nos últimos catro meses, as aldeas palestinas de Huwara, Burin, Asira Qabliya, Beita, Beit Furiq, Za'atara, no distrito de Naplusa Sur e Xericó, foron atacadas por colonos israelís, apoiados polo seu exército. Destes ataques existen imaxes que circulan polas redes pero que, como era de agardar, non se fixeron eco os medios occidentais. Os colonos de toda Cisxordania atacaron a xente, as súas terras, queimaron as súas casas, rúas e coches. Moito máis de 100 palestinos/as resultaron feridos/as. Máis de 560 foron encarcerados/as. En febreiro de 2023, 65 palestinos e palestinas foron asasinadas. Tres grandes incursións militares tiveron lugar en Naplusa, Ienin e Xericó.

As políticas de longo alcance de Israel para limpar etnicamente o pobo palestino, substituíndoo por cada vez máis asentamentos coloniais, avanzan drasticamente.

A Unión de Agricultores Palestinos (PFU) publicou un informe destacando os ataques contra agricultoras e agricultores palestinos e centrándose nos ataques dos colonos contra a cidade de Huwara a semana pasada. Huwara é só un exemplo entre moitos outros. A principios de ano, as autoridades israelís comunicaron que a destrución dunha ducia de aldeas era inminente. Desde entón, os labregos e labregas palestinas enfróntanse case a diario a incursións militares, ataques de colonos, destrución das súas terras e refuxios, intimidación e privación case total de auga e abastecemento.

Como afirma a PFU no informe: "mentres o mundo estaba parado e observaba conmocionado como se desenvolvían os ataques en Huwara, centos de civís palestinos perderon todo. A veciñanza de Huwara viu horrorizada como a súa cidade era atacada baixo a protección do exército de ocupación israelí, con sentimentos de desesperanza, porque sabían que ninguén viña a axudala. Todo o que podían facer era defender a súa cidade coas pedras que colleron do chan contra un gran grupo de colonos que tiñan unha grande variedade de armamento e a intención de causar dano". [Informe completo aquí]

Desde a CIG esiximos o cese destas agresións e pedímoslle ás institucións da chamada comunidade internacional que interveñan de inmediato para sancionar estas constantes violacións dos dereitos humanos por parte de Israel, esixir as correspondentes responsabilidades e obrigar á reparación dos danos causados.