A CIG mobilizarase contra o despido dunha das súas delegadas na residencia da 3ª idade Soremay de Pontevedra

A central denuncia que se trata dun claro caso de represión sindical e anuncia que presentará recurso contra a rescisión de contrato
Pontevedra - 03 Xan 2023

A federación de Servizos da CIG de Pontevedra anunciou hoxe a convocatoria dun calendario de mobilizacións para rexeitar o despedimento dunha das súas delegadas no comité de empresa Soremay, residencia da terceira idade ubicada no centro da cidade.Dende a central denuncian que se trata dun claro caso de represión sindical e adiantan que os seus servizos xurídicos xa traballan no recurso para deixar sen efecto unha rescisión de contrato “inxusta e arbitraria”.

Iván Veiga, da CIG-Servizos de Pontevedra, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunta á traballadora afectada, Sandra Iglesias, para rexeitar publicamente o despedimento que tivo lugar o pasado 28 de decembro. O representante sindical fixo fincapé en que a decisión da empresa “é inxusta e arbitraria e sen fundamento algún no estritamente laboral, xa que esta compañeira xamais tivo ningún tipo de queixa, nin por escrito nin de maneira verbal, con anterioridade ao despido”.

Por iso denunciou que o despido responde a unha represalia polo traballo sindical da traballadora, representante da CIG no comité de empresa. De feito, tal e como sinalou, a súa situación laboral mudou radicalmente no momento en que se inicia o proceso de eleccións sindicais na residencia, en marzo de 2022, saíndo elixidas delegadas pola CIG ela e máis outra compañeira. “Dende ese intre as dúas traballadoras son sometidas a moitas presións, tanto pola xerencia como polas outras delegadas, de CCOO e UGT”.

Pero a situación empeora aínda máis cando no mes de xuño se produce un cambio de dirección na residencia, “a partir do cal a xerencia somete a traballadora a un acoso e a unha persecución enorme, como resposta unicamente ao traballo sindical que a despedida facía non seu centro de traballo co único obxectivo de tratar de defender os dereitos das súas compañeiras, recollidos no convenio colectivo”.

Calendario de mobilizacións

Neste senso, Veiga censura que as delegadas de CCOO e UGT, con maioría no comité de empresa, pretendesen acordar coa dirección aspectos que empeoraban o propio convenio colectivo, “como pode ser a limitación dos días de libre disposición, o cuadrante anual ou incluso temas tan graves como limitar o dereito individual de acollerse a unha adaptación ou redución de xornada por conciliación familiar”.

Ao mesmo tempo, considera que con este xeito de proceder “estase a xogar dunha maneira ruín co pan dunha traballadora e da súa familia”, ademais de estarse a producir unha vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical. “E non só iso, xa que tamén se está a atentar contra o modelo sindical reivindicativo e combativo da CIG”.

En consecuencia, quixo deixar moi claro que a centra sindical non vai permitir que este tipo de accións queden impunes, “polo que xa se puxo o caso en mans da nosa asesoría xurídica para preparar o recurso para reclamar a nulidade do despido”. Mais tamén se desenvolverá un calendario de mobilizacións, que dará comezo este xoves 5 cunha concentración diante da residencia Soremay ás 12:00 horas e que continuará o vindeiro mércores 11 no mesmo lugar e no mesmo horario. “Nos próximos días anunciaremos novas protestas”, rematou.