A CIG mobilizarase contra o ERE de Teleperformance e polo mantemento do emprego na nosa terra

O luns 2 de xuño, ás 12 horas, diante da Delegación do Goberno
A Coruña - 29 Mai 2025

A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro luns, 2 de xuño, en rexeitamento ao ERE anunciado por Teleperformance e na defensa dos postos de traballo no sector dos centros de chamadas. A protesta realizarase ás 12 horas diante da Delegación do Goberno (Praza de Ourense).

Para a representación da CIG, este despedimento colectivo provocado pola apertura dun  centro propio de atención á clientela de Vodafone “é unha estratexia da empresa de telecomunicacións para  evitar a subrogación do persoal que leva anos prestando este servizo,  buscando desligarse da súa responsabilidade social e deixando sen sustento a 30 familias galegas”.

Nun tempo no que os avances tecnolóxicos facilitan a realización do emprego dende calquera punto, non se entende que o Goberno non tome medidas que impidan ás empresas xogar co noso sustento"

Nun tempo no que os avances tecnolóxicos facilitan a prestación dos servizos e a realización do emprego dende calquera punto do globo, “non se entende que o Goberno non tome medidas que impidan ás empresas xogar co noso sustento”, salienta Sergio Toucedo, delegado da CIG en Teleperfomance e secretario da CIG-Banca na Coruña.

Critica que as últimas reformas laborais, “en troques de anticiparse e adaptar o marco laboral para defendernos contra o ataque á estabilidade laboral”,  afondan “na libertinaxe capitalista” que facilita ás empresas os mecanismos de destrución de emprego.

“Os  avances tecnolóxicos non  poden ser a escusa para realizar despedimentos”, asevera. “Vodafone pode manter os postos de traballo na nosa terra, pero as empresas utilizan o teletraballo á súa conveniencia”. Reclama que, do mesmo xeito que cando a pandemia da COVID-19 se buscaron mecanismo para que os servizos non se paralizaran, “agora deberan poñer todo o seu esforzo para que as persoas afectadas por este ERE poidan manter os seus empregos, subrogadas do centro de  traballo de Teleperformance aos seus  domicilios e  prestando o servizo directamente para Vodafone”.

Toucedo insiste en que non se pode consentir que sexa a deslocalización, neste caso ao centro aberto en Valladolid, “a escusa para a destrución de emprego na nosa terra”.