• Nova

Concentración este xoves no Parlamento por unha transición xusta no sector dos carburantes e biocarburantes

A protesta coincide coa debate na Comisión de Industria e Enerxía dunha proposta para a elaboración dun plan galego
Nacional - 23 Mar 2022

Dentro da campaña en demanda dunha transición enerxética xusta para o sector dos carburantes e biocarburantes, a CIG ten convocada unha concentración de delegados e delegadas do sector para mañá xoves, 24 de marzo, ás 10:30 horas, diante do Parlamento galego.

A protesta realízase coincidindo co debate na Comisión 6ª de Industria e Enerxía dunha proposición non de lei para a elaboración dun plan galego a este respecto, promovida polo BNG e que recolle as medidas defendidas pola CIG relativas a garantir, no marco do proceso de descarbonización da economía, a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados.

Cómpre lembrar que xa en xullo do pasado ano a CIG se dirixiu á Xunta de Galiza e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico instando a elaboración dun plan de actuación encamiñado a fixar as bases dunha transición xusta no sector, mais até agora non houbo resposta de ningún tipo por parte do Goberno español nin do Goberno galego.

Hai que subliñar que o sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, pola inexistencia de políticas, tanto por parte do Goberno español como da Xunta de Galiza. Armando Carril, da Executiva da CIG-Industria, apunta que a fabricación de combustíbeis ten que ser superada "pero non a conta de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial".

Neste senso, remarca que o proceso de transición esixe de políticas públicas e que os gobernos non sigan eludindo a súa responsabilidade, mais nun momento de crise industrial como o que padece Galiza e de medre imparábel da carestía da vida, en parte a causa dos elevados prezos da electricidade e os combustíbeis; mentres as grandes empresas destes sectores obteñen beneficios millonarios.

Plan de medidas para a transición

Para afrontar este proceso, cómpre implementar un plan de actuación -coa participación das centrais sindicais máis representativas e doutros axentes implicados- que contemple medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Xunto a isto, a CIG defende que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado, que non garantan a continuidade do emprego e non fagan os investimentos precisos nas plantas.

Ademais, e sempre dende o respecto ás competencias autonómicas, para dotalo de eficacia, este plan de transición ten que ter prazos delimitados para a súa aprobación; e de xeito paralelo ten que constituírse unha mesa de traballo na que abordar os cambios a acometer no sector de maneira que a reconversión non sexa unha demolición e evitar repetir o que está acontecendo nas Pontes ou Meirama ou noutros sectores industrias do noso país, onde se impulsan cambios de modelo enerxético sen formular alternativas.