• Nova

A CIG mobilizarase pola readmisión dunha traballadora despedida tras ser acosada por quedar embarazada

A empresa Termocalor de Vigo rescindiulle o contrato unha vez rematada a redución de xornada
Vigo - 27 Abr 2022

A CIG ten convocada unha mobilización este xoves 28 diante do SMAC en Vigo ás 11:45 horas para esixir a readmisión dunha traballadora da empresa Termocalor de Vigo despedida recentemente ao rematarlle a redución de xornada para o coidado de crianzas menores de 12 anos. O Tribunal Supremo confirmara en 2019 a sanción administrativa de 20.000 euros imposta á compañía por acoso laboral contra a empregada durante unha década e que se iniciara nada máis anunciarlle ao seu xefe que se atoaba en estado.

Na sentenza do TS recoñecíase a veracidade do acoso laboral por razón de xénero entre os anos 2008 e 2010, situación que continuou até que a traballadora foi despedida o pasado 10 de marzo nada máis rematarlle a redución de xornada, unha vez que o seu fillo cumpriu 12 anos. Daquela, asesorada pola CIG, lograra que lle restituísen o horario e traballaba só de mañá, que lle recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3000 euros por danos e prexuízos. 

A empresa alude a suspostos motivos disciplinarios, pero en realidade trátase dunha represalia que vulnera os seus dereitos fundamentais

O acoso iniciárase nada máis comunicar na empresa o primeiro embarazo, pero agravouse dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde). “Para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”, relatara entón.

Campaña de acoso

O propietario de Termocalor, Ramón Argudín, propúxolle que marchara da empresa, pero non quería pagar a indemnización correspondente e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto, polo que comezou unha campaña de acoso laboral contra ela que foi recoñecida polos tribunais.

Mais agora, unha vez rematada a redución de xornada, optou por rescindirlle o contrato aludindo a supostas causas disciplinarias, cando en realidade responde a unha represalia, constituíndo unha clara vulneración dos seus dereitos fundamentais. Diante disto, a CIG xa presentou unha demanda reclamando a nulidade do despido e convocou a mobilización de mañá coincidindo co acto de conciliación no SMAC previo á celebración do xuízo.