A CIG mobilízase contra a OPA do BBVA e advirte de novos despedimentos e peches de oficinas
Delegadas e delegados da CIG-Banca mobilizáronse este mércores na Coruña en rexeitamento á OPA hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell e para reclamarlle ao Goberno español que non permita que se leve a cabo polas repercusións negativas que tería para o emprego, a cidadanía e as pequenas e medianas empresas.
A CIG desenvolveu tres concentracións consecutivas, comezando diante do edificio da Delegación de Goberno na Praza de Ourense e trasladáronse despois ás oficinas principais do BBVA e do Banco Sabadell na zona dos Cantóns.
A seccións sindicais da CIG en amabas entidades advertiron que a operación suporía unha nova reestruturación do sector financeiro (que dende a crise de 2008 xa sufriu unha dura reconversión), a destrución de centos de postos de traballo e máis peche de oficinas, especialmente no rural e nos barrios das cidades.
En Galiza, BBVA conta con arredor de 800 empregadas e empregados, mentres que no Banco Sabadell traballan unhas 400 persoas. Pola experiencia de operacións anteriores deste tipo “o que ocorre é que se elimina un volume de emprego equivalente ao cadro de persoal da entidade absorbida”.
Alén da perda de emprego, a OPA, subliñaron Miguel Fernández e Miguel Lis, responsábeis da CIG no BBVA e Sabadell respectivamente, aumentaría as dificultades da clientela no acceso a servizos bancarios, con redución da competencia e máis atrancos ao creto.
Un sector con características de oligopolio
Lembraron que o sector financeiro é estratéxico para a economía, pero no Estado español ten características de oligopolio, polo que “a aprobación de calquera fusión, incluída a OPA, afondaría nesta liña”. No caso de Galiza, cun alto grao de concentración bancaria, a OPA suporía deixar unha cota superior ao 90% do mercado bancario en só cinco entidades.
Como exemplo do funcionamento do sector no Estado, apuntaron que a suba dos intereses do BCE non repercutiu na clientela, pois mentres se disparaban os intereses dos préstamos, non se compensaba na mesma medida a retribución ao aforro. Ademais, as entidades practican a mesma política de préstamos, “obrigando á contratación de produtos que a clientela non demanda, e encarecendo o financiamento á empresas e particulares”.
Nas concentracións púxose tamén o acento no “nefasto modelo de sistema financeiro” impulsado dende Bruxelas e Madrid, “que provoca que o único beneficio desta fusión sexa para os fondos de investimento especulativos estranxeiros (maioritariamente dos EUA), que son os maiores accionistas da banca española en xeral e do BBVA e Sabadell en particular”.
Neste contexto, a CIG demandou do Goberno español “que estabeleza as limitacións pertinentes, en base a criterios de interese xeral, para que esta OPA non poida saír adiante, xa que tería un gran prexuízo para a sociedade en xeral e para o persoal das dúas entidades en particular”.