A CIG mobilízase contra a represión sindical nunha gasolineira de Repsol en Vigo

A empresa Gasvive, propietaria da estación de servizo, despediu a delegada de persoal e sancionou unha traballadora afiliada da central
Vigo - 03 Feb 2026

A FGAMT-CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante dunha gasolineira de Repsol na Avenida de Madrid de Vigo para rexeitar a política de represión sindical que está a aplicar a dirección de Gasvive, empresa propietaria da estación de servizo, que despediu a delegada de persoal e sancionou unha traballadora afiliada da central.

A campaña de persecución remóntase ao mes de novembro do ano 2024, cando teñen lugar eleccións sindicais na compañía para escoller representación. “Dende ese momento comeza o acoso por parte do empresario contra a delegada de persoal elixida de xeito libre e democrático, así como contra as persoas ás que a dirección considera ‘culpábeis’ de ter propiciado a celebración do proceso”, tal e como denuncian dende CIG.

Unha actitude que responde aos intentos da empresa de evitar terse que ver obrigada a cumprir o convenio colectivo, o Estatuto dos Traballadores/as ou a Lei de Prevención de Riscos, “xa que a explotación laboral, o acoso e as ameazas forman parte do día a día”. Por iso cando unha persoa traballadora reclama os seus dereitos “pon en perigo o seu posto de traballo”.

En consecuencia, a delegada de persoal foi despedida e outra traballadora afiliada da central foi sancionada. “Na CIG nos imos quedar de brazos cruzados diante destes comportamentos represivos e autoritarios, polo que ademais de reclamar xudicialmente a readmisión e a retirada da sanción vimos de iniciar un calendario de protestas contra estas decisións inxustas e arbitrarias dun empresario incapaz de respectar os dereitos laborais”.