A CIG mobilízase contra o despido dunha candidata da central nas eleccións sindicais en Suardiaz

Concentrouse diante das oficinas da empresa en Vigo pola readmisión da afectada, con 15 anos de antigüidade
Vigo - 23 Mar 2021

A FGAMT-CIG mobilizouse hoxe para denunciar o despedimento dunha traballadora de Vapores Suardiaz Norte tras 15 anos na empresa por presentarse como candidata da central ás eleccións sindicais. Un grupo de delegados/as desenvolveron unha concentración diante das oficinas da compañía de transportes en Vigo, onde se solidarizaron coa afectada e reclamaron a súa readmisión.

O inicio deste caso de represión sindical remóntase ao verán de 2019, cando unha empregada de Suardiaz decide promover eleccións para escoller representación sindical na empresa por primeira vez. “A partir de entón a actitude da directora comigo mudou completamente”, explica a propia afectada.

Ademais, os responsábeis de recursos humanos da empresa mantiveron xuntanzas individuais con cada un/ha dos traballadores/as para comunicarlles que serían despedidos/as inmediatamente no caso de que optasen por votar pola candidata da CIG.

Con todo, a traballadora logrou empatar en apoios coa candidata de CCOO, a persoa encargada da limpeza da oficina, que curiosamente é a nai da directora. “Como tiña máis antigüidade ca min na empresa resultou escollida delegada sindical”. 

A afectada empatou en votos coa candidata de CCOO, que é a nai da directora

A partir de aí comeza unha persecución diaria contra a afectada, con "desprezos, ninguneos, desautorizacións públicas e retirada de responsabilidades". E chegando ao punto de que cando intentaba falar coa directora "respondíame que “esta conversación me resulta del todo inerte””.

Dende entón padeceu un acoso constante, que rematou co seu despido o pasado día 11 por supostamente terse ausentado da oficina sen dar explicacións. “Tamén din que non me desprazaba aos barcos, cando me comunicaran que deixara de facelo porque estaban formando a outra persoa para que se encargase”.

Reclamar a nulidade

Obviamente, a CIG presentará unha demanda para reclamar a nulidade do despido por vulneración do dereito de liberdade sindical e esixir a inmediata readmisión dunha traballadora que en 15 anos da empresa nunca tivo ningún problema. “Durante todo este tempo non pasou nada e desenvolvín o meu traballo perfectamente, pero de súpeto todo cambiou cando me presentei ás eleccións”. A afectada está convencida de que a intención da empresa era despedila xa o ano pasado, pero como consecuencia da pandemia presentou un ERTE “e todo se demorou”.

Dende a central anuncian que seguirán a convocar mobilizacións para que este caso de represión sindical non quede impune e até lograr que a afectada sexa readmitida no seu posto de traballo.