A CIG mobilízase contra o peche das oficinas do BBVA de Arzúa e Vila de Cruces

A clientela demanda atención presencial, como evidencian as colas para acceder ás sucursais
Arzúa - 17 Nov 2021

A sección sindical da CIG no BBVA mobilizouse esta mañá contra o peche das oficinas de Arzúa e Vila de Cruces e a conseguinte restrición de servizos á clientela. Denuncia as consecuencias que isto terá para a poboación máis vulnerábel e “o salvaxe ERE executado pola entidade recentemente” que suporá o despedimento de máis 100 traballadoras/es e o peche de 26 oficinas en Galiza.

A CIG-Banca asegura que o banco está aplicando os despidos e os peches aos poucos para minimizar o impacto social do ERE, e mesmo deixando oficinas atendidas por axentes financeiros externos (a empresa bota persoal propio para contratar persoal falso autónomo en peores condicións), “para simular que non hai cambios, aínda que no longo prazo acaba cerrando definitivamente as sucursais”.

A CIG opúxose dende o primeiro momento ao ERE (asinado por CCOO, ACB e UGT) por ser inxusto e inxustificado, toda vez que o banco obtivo beneficios millonarios (1.200 millóns de euros só no primeiro trimestre), que existe unha enorme sobrecarga de traballo na rede de oficinas e que a clientela demanda atención presencial, “como evidencian as colas que se forman nas oficinas”.