A CIG mobilízase contra o peche de tres oficinas do BBVA en Vigo

Clama polo mantemento da atención ao público e en defensa do emprego

Vigo -

A sección sindical da CIG no BBVA protagonizou hoxe unha intensa xornada de mobilizacións para rexeitar o peche de tres oficinas en Vigo. Empregados/as do banco e delegados/as sindicais desenvolveron concentracións diante dos tres centros de traballo afectados para reclamar o mantemento da atención ao público e en defensa do emprego.

Dende a CIG no BBVA denuncian que a entidade financeira pretende deixar a poboación sen servizos tras impoñer un ERE para 2935 persoas. “Agora ten previsto o peche de oficinas, trasladando a clientela ás oficinas que decide o propio banco”. No caso de Vigo, as tres afectadas son as de Fernando o Católico (rúa Urzaiz), avenida da Florida e rúa Coruña.

En consecuencia, nas oficinas que permanecen abertas sucédense as colas. “Ter que facer cola diante dos bancos é perder o tempo e unha humillación para a clientela; ter as persoas de pé á intemperie, pasando frío, calor ou á choiva, é inhumano”.

A isto hai que sumar que só atenden a caixa até as 11:00 horas, polo que pretenden obrigar a clientela a ter que desprazarse para ser atendida só das 8:00 ás 11:00 horas. Estas restricións xa foron denunciadas pola CIG diante da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

Impoñen a banca dixital para despedir persoal

Ademais, o banco cobra comisións por retirar un diñeiro que é da clientela, unha “peaxe” que normalmente pagan as persoas con dificultades para o uso dos caixeiros ou da banca dixital. “Unha inxustiza para as persoas maiores e as persoas con capacidades distintas”.

Na CIG consideran que quen ten un negocio non pode perder horas na cola dun banco para ter servizo. “Hai persoas, nomeadamente as maiores, que teñen difícil utilizar os caixeiros ou a banca por internet; non atendelas de xeito presencial é marxinalas”, censuran.

Finalmente, sinalan que o peche de oficinas, a restrición dos horarios de caixa e as colas teñen un obxectivo: forzar as persoas para que opten pola banca por internet e así poder despedir a máis traballadores/as.

Volver