Xornada de protestas en Abanca para pedir cargas de traballo asumíbeis, a fin das discriminacións salariais e o dereito á desconexión dixital

A entidade propuxo un control de xornada "que busca non rexistrar as horas e seguir defraudando"

A Coruña -

A CIG realizou hoxe unha xornada de mobilizacións diante de diferentes oficinas de Abanca na Coruña para esixir que a carga de traballo sexa realizábel dentro da xornada laboral, a fin das discriminacións salariais que sofren as traballadoras da entidade (que de media perciben até 11.173€ menos ao ano que os homes), que se respecte o dereito á desconexión dixital e que se implante un sistema de rexistro de xornada útil e transparente.

A primeira das sete protestas tivo lugar diante da Oficina Principal da rúa Nova, alí,  Clodomiro Montero, da sección sindical da CIG en Abanca, explicou que a central sindical realizou no último mes e medio 28 concentracións diante de oficinas de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo para denunciar a política laboral e comercial "explotadora" da entidade.

Horas extraordinarias "que o banco non paga nin cotiza"

Montero salientou que no proceso de reestruturación, Abanca despediu o 60% do seu cadro de persoal e pechou ducias de oficinas, duplicándose así a carga de traballo que teñen que asumir os empregados e empregadas. A isto súmanse "os obxectivos inalcanzábeis" impostos pola empresa -mesmo no caso dos produtos complexos-, "que medran día a día", baixo controis abusivos, e que levan ao persoal a realizar horas extraordinarias "que o banco non paga, nin cotiza, para poder acadar eses obxectivos que son de obrigado cumprimento".

O representante sindical puxo o acento no feito de que Abanca ten maior o índice de produtividade do sector financeiro: cada traballador/a xestiona arredor de 15 millóns de euros, cando noutras entidades nacidas das antigas caixas, como Liberbank ou Caixabank, o volume de negocio xestionado por cada empregado/a está nos 11 millóns de euros.

"Por iso unha das cousas que pedimos con esta campaña de mobilizacións é que a carga de traballo sexa realizábel dentro da xornada laboral e non á inversa", recalcou. Ligado esta cuestión, Montero denunciou que malia ser obrigatorio dende o 12 de maio, a empresa non implantou un rexistro da xornada útil e transparente.

Lembrou que foi a raíz dunha iniciativa da CIG en xullo de 2017, que se puxo en marcha esta medida que hoxe é lei, pero Abanca non puxo aínda en marcha ningún tipo de rexistro. "Estamos demandando a negociación da súa implantación, mais a proposta da dirección é un engano, dun rexistro alternativo aos xa existentes, co finalidade de non rexistrar as horas e seguir defraudando como até agora. Fronte a isto, defende que "as horas hai que rexistralas e pagalas; non pode ser que a unha empresa como Abanca, con 430 millóns de euros de beneficios, estea defraudando as horas extras á Seguridade Social".

 As mulleres, máis carga de traballo e menos salario

Outra das problemáticas contra da que CIG vén loitando dende hai tempo refírese á discriminación salarial que se dá en Abanca, até o punto de que as traballadoras perciben, de media, 11.173 euros ao ano menos que os seus compañeiros, facendo traballos semellantes e incluso soportando unha carga maior. "Curiosamente, salienta Montero, os postos máis feminizados teñen categorías profesionais inferiores e complementos máis baixos, pero maiores obxectivos".

Ademais, nas situacións de redución de xornada para coidado de crianzas ou persoas maiores (que maioritariamente seguen a solicitar as mulleres), a empresa aplica a redución de salario correspondente "pero non rebaixa a carga de traballo e/ou os obxectivos, polo que na práctica moitas compañeiras cobran aínda menos, traballando o mesmo. Isto lévaas a incrementar os ritmos de traballo, que xa son brutais, ou a realizar horas extras que o banco non paga e non cotiza".

O sindicalista denunciou que Abanca non adoptou ningunha medida para corrixir esta situación e incluso as decisións que toma van na liña contraria. "Por exemplo, actualizou uns complementos de tal maneira que aínda afonda máis nesa fenda salarial".

Desconexión dixital

Finalmente, dende a sección sindical da CIG demándase da dirección de Abanca que se respecte o dereito á desconexión dixital contemplado na lexislación dende o pasado decembro. "O banco danos tablets e móbiles que teñen conexión as 24 horas do día, os 365 días do ano, e temos que estar a disposición da entidade en todo momento. O que pedimos é que Abanca cumpra coa súa obriga, nos facilite a desconexión e se respecte o noso dereito conciliar a vida familiar e laboral".

Volver