A CIG mobilízase en defensa do emprego fronte á reestruturación "brutal" anunciada polo Santander

A entidade formula un novo ERE de extinción malia a sobrecarga de traballo que se rexistra nas oficinas

A Coruña -

A CIG mobilizouse esta mañá diante da oficina principal do Banco Santander na Coruña en rexeitamento ao ERE que a entidade vén de presentar para despedir a 3.713 traballadores e traballadoras e pechar 1.150 oficinas en todo o estado. Esta será a terceira regulación de emprego que o banco fai en menos de catro anos, nesta ocasión alegando causas organizativas e produtivas tras da integración do grupo Banco Popular-Pastor.

Malia que a empresa non facilitou os datos de afectación por territorios, dende a sección sindical da CIG alertan que a existencia de tres redes a nivel galego (Santander, Pastor e Popular), pode levar a que o impacto do ERE en Galiza sexa especialmente duro. Rosa María Conde, secretaria da sección sindical, informou que o período de consultas se inicia o vindeiro xoves, 23 de maio, en Madrid, "e supomos que nesa reunión coñeceremos o alcance da medida en Galiza".

Conde denunciou que a cifra de despedimentos facilitada até agora supón o 12% do cadro de persoal que actualmente ten o Banco Santander e o 26% das oficinas. Esta reestruturación “brutal” chega cando a carga de traballo en toda a rede de oficinas é desmesurada e as queixas da clientela polas colas son xeneralizadas; polo que o desmantelamento de oficinas non fará máis que sobrecargar de traballo ao resto da rede, agravando a situación actual, ao dispor de menos traballadores/as.

Sobre o volume de emprego destruído nos últimos anos en Galiza, Conde indicou que a finais de 2010 o cadro de persoal do grupo Popular e do Pastor sumaba 2.617 persoas, mais a día de hoxe, o total de traballadores/as do Banco Santander (agrupando todas as redes) non chega ás 2.140 persoas. "Só no Banco Popular houbo unha amortización do 47% dos postos de traballo", denunciou.

No caso das oficinas,  a dirección do Santander prevé telas pechadas a 31 de decembro e xa confirmou que esa cifra "é inamovíbel". Non obstante, advertiu Conde, desas 1.150 oficinas afectadas, 200 transformaranse en axentes comerciais. "É dicir, o que fan é trasladar a persoas autónomas o traballo que agora está realizando o persoal propio do banco".

Exclusión financeira e falta de competencia

A secretaria da sección sindical alertou tamén do impacto que o expediente terá no ámbito rural, xa que o peche de oficinas pode levar á exclusión financeira de moita poboación, tendo en conta a nosa distribución xeográfica e que o "Banco Pastor estaba presente en todas as vilas do país".

Nesta liña, Conde salientou que Galiza rexistra un dos grao de competencia máis baixos da UE, ao ter o 80% do mercado financeiro controlado só por dúas entidades: Banco Santander e Abanca, incumprindo deste xeito os parámetros establecidos pola propia Unión Europea.

No seu día, a CIG demandou que se mantivera a marca e a estrutura do Banco Pastor, dada a súa forte implantación, o que tería permitido manter non só un maior nivel de emprego, senón tamén un nivel de competencia adecuado. Porén, a dirección da entidade desbotou esta proposta "sen que a Xunta de Galiza movese un dedo".

Fronte a "avaricia desmedida" do Banco Santander, que o pasado ano obtivo 3.752 millóns de euros de beneficiosa, a CIG "defenderá todos e cada un dos postos de traballo".

Volver