A CIG mobilízase en demanda dun convenio galego nas TIC e en resposta á paralización da mesa negociadora

Con motivo do evento Galiza TIC celebrado na Cidade da Cultura
Nacional - 31 Out 2025

Delegados e delegadas da CIG-TIC concentráronse este xoves no Edificio CINC da Cidade da Cultura, con motivo do evento Galiza TIC, para denunciar a falta dun convenio galego, tal e como vén reclamando o sector desde hai anos, así como pola paralización da mesa negociadora que viña reuníndose no Consello Galego de Relacións Laborais.

A CIG salienta que malia a situación actual das empresas do sector, con beneficios en moitos casos de dous díxitos, as condicións laborais nas TIC non melloran debido ao convenio estatal de consultorías, “no que os sindicatos españois imposibilitan calquera posibilidade real de mellora e practican unha aberta conducta antisindical contra a central nacionalista”.

Hai que subliñar que a CIG é o sindicato maioritario no sector en Galiza, superando en máis dun 50% ao segundo sindicato e practicamente duplicando á terceira central, logrando pasar de obter pouco máis de 20 delegados e delegadas en 2014 a ter máis de 120 nese ano.

Un convenio galego para mellorar condicións e salarios

“Na continua comunicación cos traballadores e traballadoras e posta en común de obxectivos entre os órganos da central sindical, tense ratificado a conveniencia dun convenio galego para as TIC”, valoran dende a representación da CIG no sector. Un convenio TIC galego digno, que regule gardas e intervencións, que compense o teletraballo na súa xusta medida, que atenda á formación das persoas traballadoras, cunha redución efectiva da xornada de traballo, que pague as quendas e o traballo nocturno e que permita conciliar a vida familiar e persoal co traballo.

Desde a CIG-TIC anuncian, comezando con esta concentración, unha xeira de mobilizacións, ante a inoperancia e conivencia das outras centrais sindicais coas empresas, así como á parálise que a patronal Ineo -convocante do evento Galiza TIC e representación patronal acreditada-, mantén diante da formación dunha mesa negociadora no sector das TIC no país que se concretará en próximas asembleas de delegados e delegadas tanto comarcais como a nivel nacional.