A CIG mobilízase en Ponteareas contra o despido en Faibus e un caso de acoso laboral en Gasóleos Tea

Desenvolveu concentracións na casa dun dos propietarios da empresa de transporte e nas instalacións da distribuidora de carburantes
Ponteareas - 26 Mar 2019

Arredor de medio cento de delegados/as da FGAMT-CIG mobilizáronse hoxe en Ponteareas na casa dun dos propietarios de Faibus para reclamar a readmisión dun traballador afiliado da central que foi despedido por esixir os seus dereitos e nas instalacións de Gasóleos Tea para denunciar o acoso laboral que padece unha empregada dende que solicitou unha redución de xornada para o coidado de crianzas.

A primeira das protestas tivo lugar a partir das 10:30 horas diante do domicilio de Roberto Álvarez Conde, un dos socios da empresa de transportes Faibus UTE, para reclamar a readmisión do traballador despedido por esixir os seus dereitos laborais. Con anterioridade desenvolveran dúas concentracións na casa do xerente, José Manuel Álvarez, na parroquia de Vilasobroso, en Mondariz.

Nesta ocasión tamén despregaron unha faixa demandando a súa readmisión e berraron consignas como “Aquí vive un explotador”, “A represión non é a solución” ou “Despedido readmisión, Faibus solución”. Con esta mobilización queren denunciar tamén a actitude represiva da empresa con calquera persoa que reivindique os seus dereitos laborais, como foi o caso do afiliado despedido.

Acoso laboral

A continuación a protesta trasladouse até as instalacións de Gasóleos Tea, empresa que está a acosar laboralmente a unha traballadora, tamén afiliada da CIG, dende que solicitou unha redución de xornada para o coidado de crianzas. O caso foi denunciado tanto diante da Inspección de Traballo como do Xulgado, e a celebración do xuízo está prevista para xuño. Pola súa banda, a autoridade laboral solicitou unha avaliación de riscos psicosociais.

Ademais, a propia traballadora tivo que presentar recentemente unha denuncia na Garda Civil porque nada máis reincorporarse dunha baixa volveron os berros e os insultos, o que lle provocou unha crise de ansiedade. De feito, o avogado da CIG que leva o caso solicitou medidas cautelares para evitar que teña que volver ao seu posto antes da celebración do xuízo.

Segundo sinalan, o acoso laboral chega até o punto de que a empresa pechou a oficina na que traballaba a afectada na Guarda para obrigala a desprazarse todos os días en catro ocasións a Ponteareas. “Acoso laboral, terrorismo patronal” ou “Ti acosas, eu acuso” foron as consignas que máis se escoitaron durante a protesta.