A CIG mobilízase en todas as cidades para exixir a derrogación da reforma das pensións

Considera que agora que está constituído o novo goberno xa non hai escusas
Nacional - 23 Xan 2020

A CIG mobilizouse esta mañá esta mañá nas sete cidades galegas para exixir a derrogación da reforma das pensións, defender o sistema público e garantir pensións dignas, que permitan ás persoas xubiladas de hoxe, e ás que mañá, vivir dignamente.

No decurso das diferentes mobilizacións, convocadas polo colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG, lembrouse que, segundo os últimos datos sobre pensións, referidos a 2018, “as pensións galegas son as segundas máis baixas do estado”.

Neste sentido, representantes do colectivo subliñaron que a pensión media galega de xubilación é de 930,58 € “mais a metade das persoas que cobran unha pensión en Galiza fano por baixo dos 706,6€”.

A fenda das pensións

Xunto a isto denunciaron que a fenda das pensións entre homes e mulleres “segue sendo enorme”. De feito, afirmaron que a pensión media dun galego é case 300 euros maior cá pensión media dunha galega, e que, “das persoas con pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres”.

A este respecto apuntaron que en Galiza, ademais, son cada vez máis as persoas que viven en soidade a súa vellez; denunciaron que os recursos de atención á dependencia son escasos e deficitarios e que, neste contexto, son precisamente as mulleres, as que “cargan coa maior parte das tarefas de coidados”, polo que “son, unha vez máis, dobre ou triplemente prexudicadas”.

Derrogación das reformas

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG leva anos mobilizándose sen descanso porque, tal e como lembraron esta mañá, “mediante sucesivas reformas (do PP e do PSOE), hai quen quere desmantelar o Sistema Público de Pensións, atacando e deixando sen recursos, unha vez máis, á maioría social, mentres se intentan facernos crer que as pensións públicas non son sostíbeis e que temos que aforrar ou facer  plans de pensións privados”.

Fronte a isto alertaron de que con esta propaganda preténdese que sexan os fondos financeiros e as grandes empresas quen sosteñen estes plans privados e quen “se benefician a costa da clase traballadora”.

Co novo goberno constituído, xa non hai escusas

Nas diferentes mobilizacións sinalouse que nestes últimos anos as incertezas sobre os gobernos centrais “veñen afectando directamente ás pensións”.

Por iso o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG considera que agora, cun novo goberno xa constituído, non hai máis escusas. “Non aturamos máis ameazas de novas reformas que atrasen e dificulten aínda máis o acceso a unha pensión pública, ou que diminúan as contías das xa paupérrimas pensións que cobran galegas e galegos. Non hai lugar para máis globos sonda, declaracións e recomendacións como as que se veñen lanzando desde diversos organismos como o Banco de España, a OCDE, ou a Airef a respecto da viabilidade do Sistema Público de Pensións”.

Sobre isto manifestaron a súa preocupación porque o que era Presidente desta axencia de fiscalización, a Airef, é agora o ministro que se vai encargar da Seguridade Social e das Pensións. Unha preocupación que é maior “coñecendo as propostas que ese organismo ten realizado no tocante ás pensións”.

O sistema público é viable

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG insiste en que o Sistema Público de Pensións “é viábel” e en que “só se require vontade política” e estabelecer medidas de creación de emprego “estábel, en condicións dignas e con salarios xustos que doten de recursos suficientes o sistema de pensións, o de agora e o de mañá”. 

Para iso, antes de nada, considera que “é absolutamente imprescindíbel a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e as dúas reformas das pensións: tanto a de 2011 como a de 2013”.

Eses son os deberes que lle poñen a este novo goberno e xa adiantan que “imos seguir mobilizándonos ata que se cumpran”.

Entre as súas exixencias sinalan:

  • A supresión do Factor de sustentabilidade.
  • A fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que debe ser o 60% do salario medio) e revalorización anual como mínimo co IPC real.
  • A xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
  • O cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
  • Que se supriman as bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais.
  • A eliminacióndos topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.
  • O traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.
  • O cumprimento coas achegas orzamentarias necesarias para a atención á dependencia, así como unha mellor dotación para a prestación dos servizos de atención a través de recursos públicos.

Lembran que o Sistema Público de Pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita e consideran que “é a través da loita como temos que evitar que nolas rouben”. Por iso seguirán mobilizándose, “para que as pensións públicas, as de hoxe e as de mañá, sexan dignas e se poida acceder a elas en equidade e sen obstáculos”.