A CIG mobilízase en Vigo para esixir melloras para o persoal da Seguridade Social que garantan a calidade do servizo

Desenvolveu unha concentración diante da Dirección Provincial do INSS
Vigo - 14 Mai 2026

A CIG-Administración Pública desenvolveu hoxe unha mobilización ás portas da Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Vigo para reclamar melloras laborais para o persoal que permitan garantir a calidade deste servizo público. Na protesta participaron tamén integrantes do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da central sindical.

As persoas traballadoras denuncian que dentro das oficinas do INSS vívese unha situación “insostíbel” como consecuencia do deterioro progresivo das condicións laborais.” Levamos demasiado tempo cunha negociación paralizada por unha Administración que acode ás reunións coas mans baleiras, que adía os acordos e que, cando actúa, faino tarde e mal”.

Entre as principais demandas do persoal atópase a aplicación” inmediata” da xornada de 35 horas, “e sen outros recortes como contrapartida”. Neste senso, consideran inaceptábel que noutros departamentos se recoñezan dereitos de xornada e conciliación “que aquí se nos negan sistematicamente”.

Ao tempo que denuncian a precariedade na mobilidade e na promoción e acusan a Administración de actuar como “insubmisa” ante a demanda xudicial gañada pola CIG. “Non imos permitir que se siga castigando a quen promociona internamente, que se manteñan concursos de traslados cada catro anos ou que se limite artificialmente a mobilidade”.

Máis persoal

Outra das reclamacións ten que ver coa necesidade de levar a cabo reforzos de persoal, “porque todas as persoas están sobrecargadas de traballo, e a Administración o único que sabe facer é impoñer cita previa obrigatoria como barreira contra a cidadanía que só quere acceder a un servizo público”.

Porque mentres no resto da Administración do Estado -lembran- teñen o traballo a distancia desenvolto, “aquí está artificialmente limitado polo capricho dos directivos de Madrid. Porén, hai persoal que a dedo ten mellores condicións que os demais”. Tamén rexeitan o modelo de produtividade e de acción social existente, que beneficia máis aos altos postos, mentres o persoal que fai o traballo día a día apenas recibe compensación.

Con todo, queren deixar moi claro que esta loita non é só polo persoal da Seguridade Social. “A mellora das nosas condicións e dos recursos de que dispoñemos para levar a cabo o noso traballo é a garantía dun servizo público de calidade para a cidadanía. Cada mesa baleira, cada xubilación que non se cobre e cada sobrecarga de traballo tradúcese nunha atención deficiente á cidadanía. A chamada "cita previa obrigatoria", a dixitalización forzosa, non son avances, son obstáculos impostos pola Administración para tapar a súa nefasta xestión”.

E lembran que é o persoal quen, co seu esforzo particular, consigue que a Seguridade Social siga a funcionar. Unha Seguridade Social é o patrimonio da clase traballadora e da cidadanía. “Polo que non imos deixar que se degrade cada día máis coa inacción da Administración. Mellorar as condicións de traballo do persoal e os recursos dispoñíbeis é mellorar a calidade do servizo público que se presta”.