A CIG mobilízase este 10 de Marzo pola derrogación das reformas, na defensa do emprego e da industria e por unha transición enerxética xusta

Paulo Carril chama a reforzar a loita para conquistar políticas alternativas coas que poder vivir e traballar dignamente na nosa terra
Nacional - 10 Mar 2020

A CIG desenvolveu este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira, unha xornada de mobilizacións en todas as comarcas e mais en Vilagarcía para esixir a derrogación inmediata das reformas laborais e das pensións, un cambio radical de políticas para reverter a crise industrial que atravesa Galiza de norte a sur e na demanda dunha transición enerxética que realmente sexa xusta para o noso país.

Como vén sendo habitual, os actos centrais da xornada realizáronse en Ferrol, onde a CIG fixo a tradicional ofrenda floral ao monumento 10 de Marzo, que lembra as loitas daquel ano 1972 no marco das que Amador Rei e Daniel Niebla foron asasinados a mans da policía franquista.

Derrogación íntegra das reformas

Precisamente, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea, na ofrenda floral e na manifestación de Ferrol, subliñou a importancia de manter a mobilización na rúa e nas empresas para enfrontar a situación social, laboral e industrial que vivimos, marcada pola extensión da precariedade e da pobreza laboral, o incremento das desigualdades sociais e de xénero e a centralización da negociación colectiva. Un deterioro das condicións ante o que o Goberno de coalición do PSOE e UP "non ten xustificación para continuar atrasando máis no tempo a derrogación das políticas que causaron esta situación".

Unhas medidas neoliberais, engadiu, aplicadas baixo a escusa da crise que provocaron que teñamos os salarios e as pensións máis baixas do Estado, que preto do 50% da poboación galega estea no camiño da pobreza, na pobreza ou xa na estrema pobreza; que máis da metade das persoas pensionistas cobren menos de 760€; ou que cada ano medre o colectivo de persoas traballadoras que apenas chegan aos 10.600€/ano.

Fronte ao avance da precariedade, Carril asegurou que "é un engano e unha fraude" que o Goberno español se limite a aplicar cambios parciais da reforma laboral ou cativas e insuficientes subas do SMI e das pensións. "Ante o golpe de estado aos dereitos que significou a reforma laboral, non hai tregua nin transición válidas, ten que haber unha derrogación total e inmediata porque de seguir así, a posibilidade de vivir en condicións dignas será inviábel".

Plan de industrialización dende o sector público

Por iso, nesta data simbólica para o movemento obreiro galego, a CIG tamén quixo levar ás rúas as reivindicación na defensa do emprego, da industria e dunha transición xusta para Galiza, ante o esmorecemento continuado do noso tecido social, económico e produtivo. "Para Galiza, o futuro de sustentabilidade que se nos anuncia polo Goberno español non é certo. As mudanzas das que falan para afrontar o cambio climático non existen, non son reais, e se o son, non sabemos onde están", alertou o secretario xeral.

Diante disto, salientou que para ser xusta e democrática, no social e no territorial, a transición debe significar avanzar en soberanía para Galiza, en poder decidir sobre o noso modelo económico e industrial, e neste sentido ter a capacidade de poder levar adiante un plan de industrialización dende o sector público que potencie e vertebre a industria galega, que priorice as inversións feitas por forzas sociais galegas fronte ás inversións estranxeiras.

E fronte a espoliación e a dependencia, Carril demandou unha industrialización na que a explotación dos nosos recursos estean ao servizo do noso benestar social, da creación de emprego, para que se pechen os ciclos produtivos no nosos país, aumentar o valor engadido, diversificar as capacidades industriais en sectores estratéxicos como o naval ou o automóbil, mellorar o equilibrio territorial e ambiental e que estean ao servizo dunha rendibilidade social e non privada.

Mantense a posición privilexiada das eléctricas

A este respecto, denunciou que tras o discurso do capitalismo verde preténdese re-implantar o modelo ao servizo dos intereses das empresas eléctricas, que substitúen unhas fontes de produción de enerxía por outra, mais sen asumir ningún tipo de responsabilidade social nin ambiental polo dano causado, nin teñen intención de ceder a súa posición privilexiada de acumulación de máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen, sen control público de ningún tipo. "Se non o impedimos, se non loitamos, estaremos ante unha nova versión actualizada das reconversións que xa vivimos cando aquel chamado Mercado Común Europeo, hoxe UE, que foi e que é unha ruína para o pobo galego", afirmou.

Carril denunciou que no proceso de descarbonización estánsenos a aplicar medidas como se foramos un país soberano que tivera decidido o seu modelo económico e industrial, cando somos vítimas dun tecido imposto e deseñado polo grande capital español e internacional, resultado de anos dunha industria de enclave que veu espoliar as nosas materias primas, que non pecha nin completa os ciclos produtivos, xerando unha alta contaminación.

As eleccións, unha oportunidade de cambio

No camiño do cambio, lembrou que estamos ás vésperas de que se celebren eleccións galegas "que debemos aproveitar para que todas as forzas e reivindicacións que temos sexan depositadas en votos nas urnas ás forzas nacionalistas de esquerdas, para conseguir un cambio de Goberno e un cambio real de políticas en Galiza". Unha mudanza que remate co proxecto de país deseñado por un PP "instalado en posturas ultraespañolistas, que dende con radicalidade máis submisión e dependencia de Galiza a Madrid e Bruxelas".

Na súa intervención, o secretario xeral da CIG criticou a indolencia de Feixoo ante a situación de emerxencia nacional e social e acusouno de participar nas políticas que nos fan perder cada vez máis poboación, de fomentar a emigración como saída, de estar obsesionado coa privatización dos servizos públicos e co desmantelamento dos servizos sociais, de colaborar da expulsión da poboación rural e contrario á aprobación dunha lexislación que garanta prezos xustos para os/as produtores/as agrarios e prestacións de servizos básicos no rural.

Fronte a pantomima do diálogo social, reforzar a mobilización

Ante este panorama, a mobilización é máis necesaria ca nunca. Por iso a CIG, como primeira forza sindical, chama á mobilización "e a combater sen medos" o deseño que nos teñen feito, nun momento no que está en xogo o noso futuro, "na confianza do enorme potencial que ten a mobilización sostida no tempo, o compromiso, a construción de organización social e de poder popular para conquistar políticas alternativas coas que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra".

Porque como ben lembrou Carril, as solucións non virán do chamado diálogo social que practican UGT e CCOO cos gobernos e coa patronal, que sempre teñen o mesmo resultado: lexitimación e branqueo das peores políticas do PP en Galiza, apoio á continuidade das reformas laborais e das pensións ou colaboración na crise industrial que atravesamos.

Carril cualificou de "lamentábel" comprobar como estas organizacións sindicais prefiren "quentar cadeiras e mesas" no diálogo social que axudar "a quentar as rúas e os centros de traballo para reverter esta situación". "Pero a nós non nos enganan, sabemos que os dereitos se conquistan coa loita e a mobilización, que non os concede ningún goberno de balde, nin os vai ceder un poder económico empachado de beneficios ao ver como se executan as súas políticas de roubo e saqueo á clase traballadora".