A CIG mobilízase este xoves polo persoal interino e temporal e a retirada da reforma de Iceta

Acusa a sindicatos estatais e Ministerio de negociar por fóra paralizando as reunións previstas

Nacional -

A CIG promove para este xoves, día 10 de xuño, concentracións ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno na Coruña e das tres Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, nunha ofensiva do sindicato maioritario en Galiza para paralizar a reforma que o equipo ministerial de Iceta pretende introducir no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e que foi presentado ás organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral da Administracións Públicas do Estado (CIG, ELA, CCOO, CSIF e UGT o pasado 24 de maio.

O Ministerio, incumprindo o propio calendario de negociacións proposto nese mesmo día (“coa axenda aberta desde o xoves 27 de maio até o 4 de xuño”), suspendeu as reunións previstas, o que para a CIG é un claro indicio de que se está a facer o de sempre, unha negociación na sombra co sindicalismo dócil do trío estatal para posteriormente presentar unha documento previamente “cociñado” e que volva a caer nos erros dos acordos de 2017 e 2018.

A CIG xa fixou a súa posición ao respecto da reforma do EBEP e da situación que se está a vivir no marco do sector público en xeral, cunhas elevadas porcentaxes de temporalidade, maioritariamente froito do abuso na contratación e claros exemplos de fraude.

No marco desta contestación, desde o sindicato nacionalista promóvense concentracións para este xoves 10 co obxectivo de denunciar publicamente o retroceso que pode implicar a reforma proposta polo Ministerio de Función Pública, que non só non atende á xurisprudencia emanada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea senón que mesmo dá as costas, entre outras, a resolucións xudiciais da Sala do Social do TSXG.

Desde o máximo respecto ás competencias e marco de negociación de cada ámbito (sanitario, educativo, administración xeral, xustiza etc) a CIG entende que hai que mobilizarse para que non se peche en falso a reforma do EBEP, para eliminar a taxa de reposición e para recoñecer a necesidade de procesos extraordinarios de consolidación.

Volver