A CIG mobilízase fronte ao cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega
» Accede aos vídeos da Asemblea Nacional de Delegadas/os
Delegadas e delegados da CIG protagonizaron esta mañá en Compostela unha asemblea nacional e unha manifestación que percorreu o centro da cidade para rexeitar as medidas que están aplicando os gobernos de Sánchez e Rueda para enfrontar a carestía da vida e que están provocando un maior empobrecemento da clase traballadora. Unha situación fronte á que, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, exixiu políticas públicas e salarios dignos ante a imparable escalada de prezos dos produtos de primeira necesidade.
Así o fixo no decurso da súa intervención na asemblea nacional, celebrada antes da manifestación, na que se debateu sobre esta cuestión, mais que tamén estaba concibida “como posta a punto para afrontar os retos, ameazas e desafíos” que ten a central sindical por diante e que, como advertiu Carril, “nos próximos meses irán a máis”.
Retos que puxeron sobre a mesa nas súas intervencións o secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío; a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro; o representante do sector do siderometal da provincia da Coruña, Miguel Muiño; a coordinadora da Área Pública, Laura Arrojo; o representante do Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG, Xepe Torres; a traballadora de CEFRICO e delegada da CIG, Elena Lorenzo, en representación do sector da conserva; a responsábel sectorial dos Centros de Chamadas, Patricia Cordo; o representante do convenio de Carpintaría e Ebanistaría, Xusto Rioboo; o do de Comercio Metal, Pablo Lamosa, e polo convenio dos SAF, Amaya Parga.
Intervencións que retrataron a conflitividade que se está a dar agora mesmo no país, fundamentalmente arredor da negociación de distintos convenios e que levaron a Paulo Carril a considerar necesario saír desta asemblea “con máis determinación e facendo unha clara aposta por reforzar a nosa resposta a través da mobilización xeral, da negociación colectiva, así como a de ir a por todas nas eleccións sindicais para ampliar a nosa capacidade de criar sindicato, de organizar máis e mellor a clase traballadora galega”.
Nese sentido, insistiu en que o sindicato e estar organizadas e organizados “é mais necesario que nunca” porque “onde hai CIG, hai sindicato, hai capacidade de loita, hai unidade, hai organización, hai poder sindical e temos dereitos”. E centrou nestas cuestións os próximos obxectivos para construír “organización social e poder popular”, para mellorar “na loita e na mobilización” e para avanzar “na conquista de dereitos e conseguir políticas alternativas”.
Unha crítica situación
En todo caso, o secretario xeral da CIG fixo tamén un percorrido pola crítica situación actual, na que a inflación non para de subir, os prezos da electricidade e dos combustíbeis non baixan e moitos produtos de primeira necesidade están a prezos desorbitados. A taxa de desemprego no Estado español é do 13,3%, a máis elevada da OCDE, e o único que avanza é a caída dos salarios. No ano 2020 o 39,3% das persoas traballadoras galegas tiveron ingresos iguais ou inferiores ao SMI, cando en 2019 eran o 34,5%.
Unha situación diante da que explicou que os gobernos utilizan conceptos de aparente complexidade como estanflación, alta inflación, baixo crecemento económico e altas taxas de desemprego. “Xogos de palabras” coas que advertiu que “nos queren levar pouco a pouco ao medo e á resignación, a que aceptemos como únicas posíbeis as políticas económicas que se están facendo”.
Por iso denunciou as insuficientes medidas do chamado Plan de Resposta á Guerra, “máis pensadas na propaganda que en encetar cambios reais e profundos nas políticas públicas, nas políticas económicas e laborais” e considerou que “pretender responder a unha situación como a que temos manténdose na disciplina neoliberal é aumentar a inxustiza e a desigualdade social, ao tempo que axudan a crear as condicións para que a dereita e o fascismo medren”.
Exixencias da UE
A isto engadiu o duro paquete de reformas aprobadas para satisfacer as “inxustas e duras” exixencias da UE e poder acceder a uns “envelenados fondos europeos que nos están a hipotecar de futuro”.
Entre elas apuntou a nova reforma laboral, que nin derrogou as anteriores, nin permitiu recuperar dereitos perdidos, nin conseguir novos, mais que si trouxo como consecuencia novas formas de contratación que reproducen a precariedade laboral, manteñen as desigualdades de xénero, estenden ao conxunto da clase traballadora a inestabilidade, a inseguridade laboral, mentres “a patronal está dispoñendo de máis recursos públicos para empeorar o seu antollo as nosas condicións laborais e salariais”.
Xunto a isto denunciou a privatización do INEM, “desaparecendo o servizo público de emprego a favor das ETT e das axencias privadas de colocación” ou as últimas reformas das pensións, que denunciou que foron xustificadas cos “falsos anuncios apocalípticos de sempre sobre o seu futuro”, mentres se continúa avanzando no desmantelamento do sistema público, sen garantir a súa revalorización de acordo ao IPC real; sen derrogar a “criminal” reforma do 2011 que eleva a idade de xubilación aos 67 anos, mais tamén ameazando con ampliar a toda a vida laboral o período de cálculo da pensión.
Carril rexeitou ademais os recentemente aprobados Plans de Pensións de Emprego, que considerou un “auténtico golpe ao sistema público de pensións” porque se trata de “plans privados de pensións de carácter colectivo” cos que as empresas “pagarán menos salario, aforrarán en cotizacións á seguridade social e pagarán menos impostos, mentres as persoas traballadoras cobraremos menos salario e teremos menos pensión pública”.
Canda isto, o secretario xeral da CIG rexeitou tamén o chamado Pacto de Rendas, porque ten como obxectivo impor a moderación salarial imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios.
As peores políticas para Galiza
Para Paulo Carril o recente cambio no goberno da Xunta e os anuncios feitos polo novo Presidente, confirman a continuidade das peores políticas que desde o goberno Feixó se teñen adoptado contra o país e contra o pobo galego. “Unha Galiza de emigración, avellentamento da poboación, privatización dos servizos sociais e dos servizos públicos, sen emprego e industria, con importantes sectores produtivos e comarcas agonizando, obxecto dos intereses dos fondos de investimento e do capital que ven a oportunidade que lles dá un PP entregado á eucaliptización do noso país e a consolidación dun novo espolio dos nosos recursos enerxéticos, como vemos coa actual ofensiva eólica”.
Por iso o secretario xeral da CIG chamou a reaccionar para poder avanzar e a reclamar dos gobernos un Plan de Choque con medidas urxentes para frear os efectos devastadores dos altos prezos e que denominou “Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e defensa dos servizos públicos”.
Un paquete de medidas de intervención pública da economía e dos sectores estratéxicos, como o eléctrico, para reducir a factura da electricidade e dos combustíbeis, creando unha empresa pública e recoñecendo a tarifa eléctrica galega. Mais tamén con medidas destinadas a garantir o poder adquisitivo das pensións e dos salarios, rematar coa fenda salarial de xénero, defender a industria, os sectores produtivos, o emprego, abaratar o transporte público, conxelar os alugueiros e os nosos dereitos da clase traballadora ante a aplicación abusiva dos novos ERTE.
A loita, o único camiño
Por iso, lembrou que a CIG leva meses chamando ao conflito na negociación colectiva, para facer fronte a esta situación, e a xerar dinámicas mobilizadoras máis intensas e máis extensas, “para que non nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, defendendo o noso poder de negociar e decidir nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo, os nosos salarios, impedindo que o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO desde Madrid”.
Incidiu en que o único camiño “é a loita e a mobilización, porque os dereitos non os regalan, non veñen do diálogo social, nin os concede un goberno porque si”. Lembrou que tampouco están dispostos a recoñecelos nin o poder económico, nin a patronal, que “teñen asegurados os seus intereses grazas ás políticas económicas e sociais que lles fan os Gobernos”. E denunciou que “dispoñen tamén dunha Lei Mordaza e dunha impunidade policial e xudicial para a práctica do matonismo e gangsterismo”, como ocorreu estes días na folga do convenio do metal da Coruña, ou na represión e acoso sindical de militantes da CIG en Barreras, Revi, Aplinor, Depisa, Dinahosting, Ingemar, Atunlo O Grove, Grupo Inditex, Fundación Hermanos Prieto, Prosegur, Smart Green”.
Por iso lanzou a mensaxe, alta e clara de que “non imos parar, imos ir a máis, non lles temos medo nin nos asustan. A súa represión e persecución non van quedar impunes porque a solidariedade e unidade da clase traballadora pode con todo, porque coa CIG na rúa a loita continúa”.