A CIG mobilízase na Delegación do Goberno para esixir a derrogación íntegra das reformas laborais

Dentro da campaña de CIG, ELA e I-CSC para impulsar os cambios legais necesarios

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno na Coruña para esixir a derrogación íntegra das reformas laborais e da negociación colectiva e un reforzo da axenda social, diante da grave situación xerada pola pandemia e o empobrecemento xeneralizado da clase traballadora. Mobilizacións semellantes desenvolvéronse tamén en Euskal Herria e Catalunya no marco da campaña conxunta que CIG, ELA e a Intersindical-CSC teñen en marcha para impulsar os cambios legais precisos no Congreso.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reiterou a necesidade urxente da derrogación das reformas laborais, que cualificou de "fosa común onde van enterrando os nosos dereitos laborais", xa que este é o paso imprescindíbel para encetar unha saída xusta á crise e camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas.

Denunciou que no actual contexto resulta "inmoral e incluso un delito contra os dereitos da clase traballadora" manter plenamente vixentes estas reformas por parte do goberno español, mentres avanza a precariedade laboral e o desemprego "como se fora unha realidade sen causas e sen responsábeis". Mais Carril tamén apelou á responsabilidade das forzas políticas que sosteñen o executivo de coalición para non atrasar máis a eliminación total destas políticas "porque non valen nin derrogacións parciais nin maquillaxes, cando imos camiño dunha profunda crise económica e social".

Nesta liña, advertiu "que de nada serven os lamentos ante os peches de empresas, os ERTE ou os despedimentos colectivos, cando precisamente foron as reformas laborais que seguen vixentes as que facilitaron e abarataron os despedimentos, afondaron na precariedade laboral e provocaron a caída dos salarios" ao deixar todo o poder de decisión en mans das empresas e "dinamitar a negociación colectiva". Aseverou que despois dun ano de pandemia no que a patronal se está dando "un festín de ERTE á carta e modificacións substanciais das condicións de traballo", as persoas máis empobrecidas veranse novamente maltratadas cando teñan que facer a declaración da renda.

Recuperar a negociación colectiva

Xunto a isto, sinalou que con esta campaña, as CIG, ELA e I-CSC tamén reclaman que se recoñeza o dereito a decidir nas respectivas nacións o modelo de relacións laborais, pensións e protección social para mellorar as condicións salariais e de traballo. Neste sentido Carril manifestou o rexeitamento ao actual modelo de estatalización da negociación colectiva que ten provocado unha maior precarización e empobrecemento da clase traballadora, ao dar prioridade aos convenios estatais sobre os provinciais e deteriorar os convenios sectoriais e de empresa.

Por iso demandou que se remate cun modelo que afasta a negociación colectiva das e dos traballadores, mais que tamén impide a participación dos sindicatos que democraticamente os representan para pechar acordos sobre as condicións de traballo en calquera sector.

A mobilización é o camiño

Neste contexto, á CIG preocúpalle que se queira presentar o diálogo social como o camiño a través do que modificar a reforma laboral, "cando o diálogo social é un elemento consubstancial para que existan estas leis. Pensar que a través do diálogo social van chegar as solucións ás graves situacións que padecemos en Galiza, como o desmantelamento industrial, é enganar á clase traballadora", aseverou.

Fronte a isto, puxo en valor a mobilización e a reposta social como o "mecanismo real para desmontar a reforma laboral, forzar os cambios de políticas necesarios e poder avanzar na recuperación e consecución dos nosos dereitos laborais e na mellora das condicións de vida".

Volver