A CIG mobilízase na Xunta en Vigo para demandar políticas activas que garantan o futuro da automoción

Alerta da deslocalización de empresas por falta de competitividade e reclama fábricas de compoñentes en Galiza

Vigo -

A CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo para demandarlles aos Gobernos español e galego a posta en práctica de políticas activas que garantan o futuro do sector da automoción ante os novos novos retos que enfronta unha industria que emprega a milleiros de traballadores/as no noso país. Dende a central sindical alertan sobre o crecente proceso de deslocalización de empresas, reclaman a instalación de fábricas de compoñentes en Galiza e denuncian a falta dunha política industrial por parte da Administración autonómica.

Delegados/as sindicais e traballadores/as da automoción de Vigo, Pontevedra e Ourense participaron na protesta que se desenvolveu de 11:30 a 12:00 horas ás portas do edificio administrativo, onde despregaron dúas faixas nas que se podía ler “Por un futuro industrial para o sector da automoción” e “ERTE na automoción, roubo e explotación” e berraron consignas como “Emprego digno na automoción”, “Xunta, escoita, a automoción está en loita” “Hai que derrogar a reforma laboral” ou “Non aos ERTE na automoción”.

Ao remate da protesta, a responsábel da automoción da CIG-Industria, María Xosé García, tomou a palabra para denunciar que na actualidade máis de 20.000 persoas traballadoras da industria galega do automóbil atópanse en situación de desemprego pola falta de semiconductores (microchips), “mentres o Goberno español anuncia investimentos multimillonarios noutras rexións do Estado para a instalación de fábricas de baterías eléctricas e Portugal confirma a instalación de plantas de compoñentes no seu territorio despois de que fosen deslocalizadas as producións de Galiza, anunciando a chegada dunha nova planta de BorgWarner que fabricará motores eléctricos en Viana do Castelo”.

García fixo fincapé en que a chegada de milleiros de euros da UE -polos que teremos que pagar un alto prezo en recortes laborais e sociais- para cambiar o modelo produtivo por unha economía verde, respectuosa co medio ambiente e que incentivará as fontes de enerxía renovábeis e os vehículos limpos, e o feito de que a tarifa eléctrica galega é a máis cara do Estado, “poñen enriba da mesa o perigo de peches e deslocalizacións porque as empresas instaladas no noso territorio non van ser competitivas no futuro sector do automóbil”.

Neste senso, lamentou que a falta dunha verdadeira política industrial de país por parte da Xunta, que fía o futuro económico ao sector servizos vinculado ao turismo, ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo -como ten denunciado a CIG en numerosas ocasións- condena o noso país a converterse nun ermo produtivo, como está a acontecer no norte co desmantelamento das electrointensivas e no sur co naval e coa automoción. 

As empresas multiservizos, centros especiais de emprego e ETT aplican a reforma laboral con salarios de miseria, xornadas desreguladas e abusos nas horas extras e na contratación

“Asistimos a unha crise industrial de norte a sur de Galiza que ten como punto en común unha desapiadada aplicación das reformas laborais do PP e do PSOE, presentando ERTE sen ningún tipo de autorización administrativa, poñendo contra as cordas as persoas traballadoras do sector. Incumprindo incluso as escasas normas que eles acordan, enviando a milleiros de persoas ao paro sen cumprir o preaviso de cinco días, dun día para outro sen solución de continuidade e sen saber cando e como imos a volver ao noso posto de traballo”.

A isto sumou unha situación interna nas propias fábricas que fai que se perdan un gran número de postos de traballo pola subcontratación, e onde as empresas multiservizos, centros especiais de emprego ou ETT “aplican a reforma laboral con salarios de miseria, xornadas desreguladas que impiden conciliar a vida laboral e familiar e abusos nas horas extras e na contratación”.

Finalmente, censurou que a inacción dos Gobernos da Xunta e do Estado evidencia a “inutilidade” da súa xestión para o pobo traballador galego. “Gobernos que están dirixidos por políticos/as pusilánimes que están ás ordes do capital e que lle dan as costas á clase traballadora”. Por iso rematou a súa intervención facendo fincapé en que é o momento de saír á rúa para pedir a aplicación de políticas “que defendan os nosos dereitos e que garantan futuro e traballo digno en Galiza”.

Descenso da actividade

Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, lembrou que a central sindical leva dende o ano 2018 advertindo sobre o descenso da actividade no sector, que neste tempo provocou reducións dos cadros de persoal nas empresas principais e a non renovación de contratos ao persoal eventual, cunha afectación directa sobre o emprego e a actividade nas empresas subcontratadas.

“A esta situación de precariedade sumáselle agora a actual crise pola pandemia da covid, polo que consideramos que as propostas presentadas en 2018 e que este ano complementamos seguen a ser necesarias para poder afrontar o futuro do sector sen que sexan sempre os cadros de persoal os que paguen a crise”.

Subliñou que esta crise difire da crise económica de 2008, que foi unha crise do sistema capitalista. “Esta é unha crise técnica que ten que ver coa chegada das novas tecnoloxías e do cambio do papel do automóbil dentro das cidades e a súa incidencia no medio ambiente, coa nova lei de cambio climático e transición enerxética”.

Deste xeito, a aposta polos coches de baixo custo e motor diésel e gasolina “pon a Galiza nunha situación débil e irrelevante, facendo perigar a subsistencia das empresas e dos postos de traballo”. A perspectiva a nivel galego “é terribelmente negativa”, cunha factoría que produce principalmente vehículos destinados para profesionais e vehículos de baixo custo con mecánicas moi sinxelas para o seu abaratamento, en sectores que mercan fundamentalmente vehículos diésel.

“Calquera cambio no mercado que pase por prescindir do diésel e apostar por tecnoloxías menos contaminantes que comezan a ser prioritarias noutros países do contorno europeo, pon en serios problemas a este sector no noso país”.

Por iso entende que non contar cunha planta de fabricación de baterías eliminaría o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico, e polo tanto aumentaría a súa situación de febleza ante os novos cambios que afronta o sector. “Estaremos vixilantes para saber cal vai ser a aposta de Stellantis e das Administracións galega e estatal.

Neste punto lembrou que a propia Asime, unha das patronais do sector do metal, aproveitou “a actual situación de caos” para facer unha chamada de atención ás administracións publicas e ás empresas “para que intenten apostar pola fabricación nacional ou europea de determinadas materias primas ou compoñentes”. Algo no que a CIG leva insistindo dende hai anos: as fábricas de compoñentes teñen que estar a carón da factoría principal.

Publicidade institucional

Con respecto ao papel que ten que xogar a Xunta neste proceso, incidiu en que non pode ser “un simple instrumento de publicidade institucional,” mostrando que ten unha intensa relación co Ceaga, cando en realidade compórtase de xeito submiso “mostrándose como un Goberno pusilánime ás ordes da dirección de Stellantis (antiga PSA Citroën)”.

Nesta liña, considera que é necesario máis que os actos publicitarios do presidente da Xunta, do presidente da Zona Franca ou do alcalde de Vigo “para lograr a captación de fondos europeos de recuperación cos que implantar unha fábrica de semiconductores ao lado da planta que máis vehículos fabrica no Estado español”.

Mais no só destes compoñentes, senón que o Goberno galego ten que activar un plan para a atracción das plantas de fabricación dos novos compoñentes dos coches eléctricos como os motores de tracción, cargadores de a bordo, novos sistemas de tracción, inversores, controladores ou a fabricación de portos de carga.

Polo que anunciou que a CIG seguirá a mobilizarse contra a aplicación “indiscriminada e sen garantías” de ERTE que permite a reforma laboral, contra da deslocalización e os peches de empresas e para reclamar unha aposta decidida por un sector industrial como o da automoción, “que para nós si é un sector estratéxico e esencial da nosa economía, e polo tanto para a creación de emprego digno e de calidade”.

Volver