• 20-06-11_Concentracion_Abanca_1.jpg
  • 20-06-11_Concentracion_BBVA_1.jpg

Mobilización no BBVA e Abanca contra os recortes laborais e dos servizos de caixa impostos coa escusa da crise sanitaria

Delegados e delegadas da central concentráronse na Coruña nunha oficina de cada entidade

Nacional -

As seccións sindicais da CIG no BBVA e en Abanca realizaron esta mañá concentracións en oficinas das dúas entidades na Coruña para denunciar os abusos patronais e os recortes de servizos á clientela que ambas empresas están a impor aproveitando a situación de emerxencia sanitaria.

A primeira protesta tivo lugar na oficina do BBVA do Cantón Pequeno para denunciar o recorte ou eliminación do servizo de caixa decretado pola entidade durante a pandemia, mais que xa comunicou que se manterá de maneira permanente. "Estamos ante unha reestruturación que non foi nin comunicada nin negociada previamente coa representación social, a pesar de que afecta ao emprego, a distribución do tempo de traballo, aos salarios e ás funcións", subliñou Miguel Fernández,  secretario da sección sindical da CIG.

Neste senso, avanzou que esta dixitalización forzosa da clientela afectará ao emprego, xa que naquelas oficinas nas que restrinxe o horario de atención ou se eliminan as caixas, "haberá unha redución dos postos de traballo e o persoal terá que facer máis funcións de carácter comercial".

Esta recorte do horario, engadiu Fernández,  implica que a atención en caixa só se presta até ás 11 horas e o resto do tempo as xestións teranse que facer a través da banca dixital ou do caixeiro, forzando así as clientas e clientes ao autoservizo. “Esta decisión claramente supón un prexuízo para as persoas maiores, que teñen menos coñecemento das novas tecnoloxías, levando a moitas delas á exclusión financeira”, alertou.

O representante sindical salientou que os servizos que se prestan en caixa son moi demandados pola clientela, pero as entidades, de maneira xeneraliza, estanos suprimindo para aforrar custes (pois o usuario ou usuaria fai de balde o traballo que facía o persoal) e así incrementar beneficios.

Fernández engadiu que ao tempo que o banco recorta na prestación de servizos imponlle ao persoal un obxectivos imposíbeis de cumprir, exercendo todo tipo de presións e coaccións "para que se coloquen produtos á clientela. Iso é o único que lle importa a BBVA”.

Abanca aproveitou para suprimir o rexistro da xornada

A seguir, os delegados e delegadas da central trasladaron a protesta a diante da oficina principal de Abanca na Rúa Nova. Aínda que nesta entidade tamén se comparte a problemática da redución  dos horarios de caixa, coa mobilización quixéronse pór a atención nos recortes de dereitos, nos despedimentos en Caixa Geral, ou na negativa de Abanca a prorrogar a negociación do convenio colectivo.

Clodomiro Montero, secretario da sección sindical da CIG, subliñou que co gallo da pandemia, Abanca suprimiu o rexistro horario, obrigando o persoal a realizar horas extra para atender o aumento da carga de traballo "que non se computan e polo tanto nin se cotizan á Seguridade Social, nin se pagan, nin se compensan". Ao tempo, o banco aproveitou  para impor o teletraballo con equipos non homologados para traballar toda a xornada, sen facer o rexistro, sen compensar os gastos e sen respectar o dereito á desconexión dixital.

Xunto a isto, Montero rexeitou a actuación da dirección de Abanca que, en pleno estado de alarma, reactivou a negociación dun "ERE encuberto para 250 traballadores/as de Caixa Geral e dunha modificación da substancial das condicións  de traballo, que entre outras cuestións mudou os horarios laborais do persoal".

Doutra banda, Montero criticou a negativa de Abanca (e do resto das entidades) a prorrogar a negociación do convenio colectivo, valéndose da limitación da ultractividade introducida pola reforma laboral do PP. "Amparándose na reforma laboral, a empresa pretende recortar salarios e a carreira profesional, eliminando categorías altamente feminizadas (como os postos de subdirección que están ocupados por mulleres nun 65%) e unha serie de complementos salariais, que son os que perciben en maior medida as compañeiras".

Finalmente, Montero denunciou o comportamento "atroz" das entidades financeiras na xestión das liñas ICO destinadas a PEMES.

Volver