A CIG mobilízase no SMAC contra a represión sindical en Carpintería Cerqueiro

A empresa (con naves en Carral e Culleredo) despediu o delegado de persoal en base a un expediente sancionador totalmente fraudulento
A Coruña - 12 Ago 2026

A CIG mobilizouse este mércores no SMAC da Coruña en solidariedade co compañeiro e delegado de persoal de Carpintería Cerqueiro despedido en represalia pola súa actividade sindical. A protesta, na que se reclamou a súa readmisión inmediata, desenvolveuse con motivo do acto de conciliación que, como era de agardar, rematou sen avinza polo que agora o recurso contra a decisión empresarial continuará nos xulgados.

A empresa, explicou o secretario da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, pretende xustificar a medida “en base a un expediente sancionador totalmente fraudulento que ten como único obxectivo desfacerse deste traballador pola súa actividade sindical en defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras”.

Sinalou que a empresa lle puxo “un detective privado que se dedicou a facerlle un seguimento desde a madrugada na porta da súa casa até que remataba a xornada durante os días nos que solicitaba o permiso sindical para acudir ao sindicato informarse, asesorar as traballadoras e traballadores da empresa, etc.”.

Esa vixilancia intensiva continuou até que finalmente a empresa lle comunicou o despedimento “con acusacións que non quedaron acreditadas nese informe do detective. Estamos ante a evidencia de que a empresa utilizou ese seguimento persoal totalmente desproporcionado e abusivo para ilustrar un expediente sancionador para desfacerse do principal activo sindical da CIG nesta empresa”, denunciou Maceiras.

O secretario comarcal da FCM-CIG rexeitou esta represión patronal e reclamou a readmisión inmediata do compañeiro despedido. Ademais, lembrou que este non é primeiro caso que se rexistra en Cerqueiro pois, no seu momento, a empresa despediu a unha traballadora por presentarse de candidata pola CIG na oficina. Neste caso, a compañía acabou recoñecendo a improcedencia do despedimento e unha indemnización por danos morais e prexuízos.