A CIG reclámalle aos gobernos e a Naturgy alternativas industriais e de emprego en Meirama

A comarca non está incluída en ningún dos plans ou acordos de transición enerxética xusta
Meirama - 20 Dec 2019

A CIG desenvolveu este venres unha concentración diante da central térmica de Meirama para esixir unha transición enerxética xusta e alternativas que permitan o mantemento dos empregos e dunha actividade industrial. Con esta protesta, explicaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a central quere denunciar a incapacidade do Goberno galego e do Goberno español ante unha situación de transición "que está sendo totalmente inxusta para Galiza e, nomeadamente, para esta comarca".

Un ano despois de que Naturgy anunciara o peche da central, a día de hoxe a zona de Ordes-Cerceda está excluída dos plans estratéxicos para unha transición enerxética xusta e non hai ningún proxecto industrial viábel enriba da mesa que permita substituír a actividade da térmica, que xera 150 empregos -entre os directos e os das auxiliares- e que constitúe un dos motores económicos destes concellos. A este respecto, Carril alertou que para Galiza non existe nin un convenio similar aos pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León, nin tampouco se nos están aplicando ningunha das medidas recollidas no plan de acción urxente (2019- 2023) para as comarcas afectadas polo peche das centrais.

Esta discriminación foi trasladada pola CIG á Dirección Xeral do Cambio Climático da UE na reunión mantida a pasada semana coa responsábel de mercados de carbono. A central acudiu a esa xuntanza para coñecer o contido e alcance do chamado "novo acordo verde" e reclamar o dereito de Galiza a estar incluída nas liñas de axudas e fondos que se destinen ao proceso de descarbonización, atendendo ao maior impacto que suporá para o noso país e as negativas consecuencias sociais, económicas e laborais que vai ter.

Falta de compromisos de Naturgy

Este proceso de transición estase producindo, ademais, sen que se lle esixan a Naturgy compromisos concretos co emprego e coa reindustrialización da comarca, tendo en conta os prexuízos ambientais e sociais que a posta en marcha da central térmica supuxo para os concellos de Cerceda e de Ordes e os millonarios beneficios que durante décadas obtivo a eléctrica a base de explotar os nosos recursos naturais. Beneficios que vai seguir tendo xa que "Naturgy é a principal empresa produtora de enerxía en Galiza pero que agora se reviste dun suposto ecoloxismo sen dar alternativas ao emprego, tanto da principal como das auxiliares, e incluso negándose a manter reunións coa representación social".

Por iso, con esta protesta, sinalou Carril, a CIG inicia un calendario de mobilizacións para esixir unha transición xusta en Meirama "que ten que pasar por propor proxectos de futuro que minimicen o impacto socio-laboral que o peche da central ten nestas comarcas e que Galiza non quede fóra dos plans e axudas que se poidan destinar, tanto a nivel europeo como estatal e galego, aos territorios afectos polos procesos de descarbonización".