A CIG mobilízase para exixir políticas que eviten que o custe da crise recaia sobre a clase traballadora

Carril critica que os Orzamentos Xerais do Estado non frean as consecuencias inxustas da carestía da vida e rexeita un posíbel pacto de rendas
- 06 Out 2022

Delegados e delegadas da CIG mobilizáronse este xoves nas sete cidades para reclamar políticas públicas que eviten que sexa a clase traballadora quen, unha vez máis, pague a crise e ao tempo denunciar a insuficiencia das medidas contidas no Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado. A xornada de mobilizacións, que foi precedida de asembleas en todas as comarcas, insírese na campaña da CIG en defensa da aplicación das 10 medidas urxentes para enfrontar a pobreza e esixir salarios dignos e políticas publicas de intervención na economía e nos sectores estratéxicos.

Nas asembleas de delegadas e delegados tamén se fixo un chamado a xerar dinámicas mobilizadoras máis intensas e máis extensas para facer fronte a esta situación, tanto ante as posicións da patronal, na negociación colectiva, como ante os Gobernos galego e español. Adiantando xa que a CIG continuará con esta campaña e cas mobilizacións no mes de novembro e decembro.

10 medidas urxentes

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou que, alén da gratuidade no transporte ferroviario, non se contemplen xa nos orzamentos de 2023 partidas para garantir un escudo social eficaz, de ampla cobertura e con carácter estrutural ante os devastadores efectos que a crise e a carestía da vida están a provocar nas maiorías sociais e que, todo parece indicar, irán a peor nos vindeiros meses.

Carril reclamou unha decidida intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos (nomeadamente na conxuntura actual no sector enerxético e financeiro), ademais da posta en marcha dun verdadeiro plan de choque na liña das 10 medidas urxentes propostas pola CIG para frear os efectos dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise.

Ampliar e mellorar a protección social

Neste senso, considerou un avance a recuperación das condicións da prestación por desemprego anteriores á reforma de 2012 (reinstaurando o cobro do 60% da base reguladora a partir dos 180 días de prestación), mais cualificou a decisión de pouco ambiciosa ao non repoñer todos dereitos sociais previos, nin tampouco conterse nos orzamentos a suba do SMI a 1197 euros/mes, seguindo a Carta Social Europea.

Non se recupera a cotización máis favorábel ás persoas desempregadas ou a ampliación das contías de cobro e dos salarios adebedados a cubrir polo FOGASA até ao triple do salario mínimo diario e até os 150 días. As modificacións introducidas polo Goberno de Mariano Rajoy en 2012 recortaron esas contías de cobertura ao dobre do SMI diario e cun máximo de 120 días.

O secretario xeral destacou a necesidade de recuperar todas as coberturas, mellorándoas e ampliándoas, tendo en conta que se prevé un empeoramento da crise nos próximos meses, co que isto implica: medre do custe da vida, destrución de emprego, caída dos ingresos etc. Unha precarización das condicións de vida á que haberá que sumar o duro paquete de reformas que o Estado español debe cumprir para acceder a uns fondos europeos que cualificou de "envelenados" por canto "hipotecan o noso futuro".

Rexeitamento ao pacto de rendas

Carril foi especialmente crítico co acordo de incremento salarial pactado polo Goberno español, CCOO e UGT para o persoal empregado público, que non só non recupera os salarios perdidos senón que nin sequera garante o mantemento do poder adquisitivo. Para o secretario xeral da CIG este pacto era o pulso necesario que o Goberno buscaba para desencallar no diálogo social a negociación do chamado pacto de rendas e a confirmación de cales son as verdadeiras pretensións dese pacto: moderación salarial e empobrecemento da clase traballadora.

A este respecto, advertiu que unha vez aceptados os incrementos á baixa na administración pública “nada impide que a patronal pretenda rebaixar aínda máis esas porcentaxes e situar no mínimo os incrementos nos convenios”.

Criticou tamén que os plans de igualdade non están sendo eficaces para superar a fenda salarial de xénero nin para instaurar medidas correctoras para garantir a plena igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Por iso, Paulo Carril instou a dar resposta ante a patronal na negociación colectiva, intensificando o conflito neste ámbito, para acabar cos baixos salarios e coa pobreza salarial, e deixar sen efecto nos convenios colectivos ese posíbel pacto de rendas. "Mentres a banca e as enerxéticas reparten dividendos millonarios, á clase traballadora, duramente golpeada pola crise, pídesenos unha vez máis, que apertemos o cinto", denunciou.

Garantir uns ingresos dignos

De cara a garantir uns ingresos dignos, a CIG demanda subir o Salario Mínimo Interprofesional até o 60% do salario medio (tal e como estabelece a Carta Social Europea), o que suporía situalo nos 1197 euros/mes; e que o importe da pensión mínima sexa igual a este SMI.

Xunto a isto, a creación dun salario de inserción social de igual contía que o SMI, que poidan percibir todas as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación e, no caso de percibir algunha prestación pública inferior a esa cantidade, que teñan dereito a que se lle complementase a diferenza. Instaurar esta renda de inserción social é unha reivindicación que a central nacionalista leva anos facendo e que ofrecería maior cobertura que o actual IMV.

"Abonda xa de propaganda sobre medidas sociais, porque o que cómpre son medidas reais como as que a CIG propón, que nos protexan e garantan unhas condicións de vida dignas", aseverou Carril. Ante a gravísima crise que atravesamos reivindicou políticas sociais de aplicación inmediata, intervir os sectores estratéxicos da economía e implementar unha reforma fiscal autenticamente progresiva, "non subir o gasto en defensa nin crear impostos que apenas contribúen a redistribuír a riqueza e a financiar os servizos públicos".

A este respecto concluíu que "de pouco valen grandes anuncios e algunhas das tímidas medidas do chamado escudo social", cando ao mesmo tempo se están aplicando as duras políticas marcadas dende a UE como a reforma das pensións na que se prevén novos recortes, a aplicación da reforma laboral que mantén e amplía a precariedade laboral ou a Lei de Emprego e a reforma do INEM para a súa privatización.